SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Rianxo súmase ao programa de compostaxe doméstica de Sogama con 50 vivendas

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • A empresa pública subministrou ao ente local outros tantos composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
  • Co obxectivo de que os usuarios dispoñan dos coñecementos necesarios para aplicar a técnica con garantías, recibirán un curso de formación a cargo de persoal de Sogama, así como manuais didácticos de apoio.

Cerceda, a 29 de xullo de 2020.- O concello de Rianxo (A Coruña) solicitou a adhesión ao programa de compostaxe doméstica de Sogama coa pretensión de promover a reciclaxe da materia orgánica en orixe.

A empresa pública xa subministrou ao ente local 50 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, a fin de que sexan repartidos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante.

Con esta iniciativa, o concello pretende recuperar unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost. Non obstante, a posibilidade de contar con recipientes específicos propiciará que o proceso de fermentación controlada destes refugallos se leve a cabo dunha forma máis hixiénica e cómoda.

Co obxectivo de que os usuarios dispoñan dos coñecementos necesarios para aplicar a técnica con garantías, recibirán un curso de formación a cargo de persoal de Sogama, así como manuais didácticos de apoio nos que se explican os pasos a dar: desde a propia ubicación do composteiro, que debe estar nunha zona sombreada, protexida do vento e en contacto coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, control de parámetros esenciais tales como a temperatura, o osíxeno e a humidade, e aplicacións do compost resultante, un abono de alta calidade con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.

Máis aló dos seus incuestionables beneficios ambientais, a compostaxe doméstica contribúe tamén a reducir a cantidade de residuos que acaban no contedor verde convencional e, polo tanto, o importe da factura que os concellos deben abonar a Sogama.

Neste sentido, cabe recordar que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, polo que, se se recupera na propia vivenda, afórrase en custos de transporte e xestión.

Os interesados dispoñen de información adicional no sitio web www.compostaconsogama.gal, onde poñerán atopar recursos divulgativos e lúdicos complementarios.

A día de hoxe, un total de 351 entidades atópanse adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas 14.000 composteiros.

Saúdos, Departamento de Comunicación

29 Xul 2020

Galería