Idiomas

Sanxenxo estende a autoxestión da materia orgánica a 100 novas vivendas unifamiliares

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • O Concello recibiu de Sogama, e de forma gratuíta, un cento de composteiros que serán entregados a outras tantas familias que dispoñan de terreo (horta, xardín e/ou terra de cultivo) no que aplicar o compost resultante
  • O obxectivo é que, desta forma, se poida pechar o ciclo de recuperación da materia orgánica en orixe, que regresa ao colo en forma de fertilizante natural para dar unha nova vida

Cerceda, a 2 de novembro de 2022.- Sogama entregou a Sanxenxo 100 novos composteiros a fin de que o Concello poida estender o seu programa de autocompostaxe a outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín e/ou terra de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de reciclaxe da materia orgánica.

Trátase dunha iniciativa con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais, que, ademais, recupera unha práctica tradicional no rural galego como é a separación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis eficiente, cómoda e hixiénica grazas á axuda do composteiro.

En termos xerais, o abono obtido cumpre con todos os requisitos de calidade esixidos pola normativa vixente, podendo ser aplicado ao solo con absolutas garantías e sen restricións, propiciando unha nova vida (flores, plantas, alimentos, etc).

Con esta nova partida, son 200 os composteiros que Sogama subministrou a Sanxenxo, contribuíndo desta forma a que as familias que cumpran os requisitos poidan reciclar a súa materia orgánica en orixe, que representa en torno ao 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo.

FORMACIÓN DOS PARTICIPANTES

Xunto cos composteiros, o Concello recibiu tamén manuais didácticos nos que se explica de forma detallada o proceso de autocompostaxe: desde a propia localización do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a identificación dos materiais que deben e non deben depositarse neste recipiente, así coma o control de parámetros de gran relevancia tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura.

Sogama tamén se puxo ao dispor do ente local para impartir sesións formativas presenciais orientadas aos participantes desta iniciativa a fin de trasladarlles os pasos a seguir, resolver as súas dúbidas e fomentar o intercambio de experiencias e opinións.

O Concello, do mesmo xeito que fixo de forma dilixente en fases anteriores, será o encargado de supervisar a colaboración veciñal, comprobar a correcta aplicación da técnica e corrixir posibles erros.

Saúdos, Departamento de Comunicación

2 Nov 2022

Galería