Idiomas

A Sociedade Galega do Medio Ambiente imparte formación a usuarios de Diaconía Rede Social de Lugo

Print this pagePrint this pagePrint this page
* O obxectivo era instruílos na xestión sostible dos residuos urbanos, dado o seu interese en cuestións tales como a recollida selectiva e a compostaxe doméstica
* Entre os colectivos que atende esta organización cabería destacar a infancia e familias en situación de vulnerabilidade e exclusión social, así coma os migrantes, con especial incidencia naqueles refuxiados/solicitantes de asilo
* Nestes momentos, a asociación centra boa parte da súa enerxía na atención e acollida das familias desprazadas pola invasión rusa en Ucraína

Cerceda, a 2 de agosto de 2022.- En días pasados, educadores de Sogama impartiron formación na sede da Asociación Diaconía Rede Social de Lugo a fin de instruír aos usuarios na xestión sostible dos residuos urbanos. O interese do colectivo centrábase fundamentalmente no programa de recollida selectiva e identificación dos residuos a depositar nos distintos contedores localizados nas vías públicas, propiciando o seu posterior reciclado, así como na compostaxe doméstica, dada a súa implicación na xestión de hortas urbanas e en distintas iniciativas de agricultura ecolóxica.

A charla contemplou igualmente os pormenores da actividade de Sogama, tanto na súa dimensión industrial como económica e social. En momentos puntuais, as limitacións na comprensión da lingua por parte dos asistentes requiriu dun maior esforzo docente, que foi sobradamente compensado pola empatía e gran acollida da sesión.

Así mesmo, proporcionouse a Diaconía Lugo recursos didácticos e divulgativos que utilizará en distintas accións de concienciación e sensibilización ambiental.

SOBRE DIACONÍA

Diaconía constitúe unha entidade de referencia en España dedicada á acción social. Traballa con persoas vulnerables para facilitar a súa inserción na sociedade, mellorar as súas condicións de vida e restituír os seus dereitos.

A filosofía desta organización caracterízase por valores tales coma o compromiso social, a profesionalidade, a excelencia, a coherencia e a pluralidade, entendida como a unidade na diversidade, así como polo traballo en rede e a concepción do voluntariado como capital valioso nas actividades a desenvolver.

Entre os grupos que atende cabería destacar a infancia e familias en situación de vulnerabilidade e exclusión social, así coma os migrantes, con especial incidencia naqueles refuxiados/solicitantes de asilo. Nestes momentos, Diaconía centra gran parte da súa enerxía na atención e acollida das familias desprazadas pola invasión rusa en Ucraína, ás que dan o seu apoio para lograr restablecer a súa autonomía e comezar unha nova vida afastadas do conflito: aloxamento, resposta ás necesidades básicas, axuda psicolóxica, orientación xurídica e laboral e clases de castelán, entre outras axudas.

Máis información en www.diaconia.es

Saúdos, Departamento de Comunicación

2 Ago 2022

Galería