Idiomas

A Sociedade Galega do Medio Ambiente impartiu o pasado ano 80 sesións formativas presenciais

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Nas mesmas participaron directamente máis de 2.500 persoas, das cales1.400 eran escolares de distintos niveis educativos e 1.000 eran veciños de concellos adheridos ao programa de compostaxe doméstica liderado por esta empresa pública.
  • As explicacións dos monitores ao servizo de Sogama centráronse, en primeira instancia, na estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), incluíndo os beneficios da autoxestión da materia orgánica.

Cerceda, a 26 de xaneiro de 2022.- O pasado ano, a  Sociedade  Galega  do Medio Ambiente impartiu da orde de 80 sesións formativas de carácter presencial a máis de 2.500 persoas. Deste total, ao redor de 1.400 eran escolares de distintos niveis educativos e 1.000 eran veciños de concellos adheridos ao programa de compostaxe doméstica liderada por esta empresa pública.

A entidade aproveitou algúns dos respiros que deu a pandemia para viaxar a distintas localidades, previa petición dos concellos, e explicar aos cidadáns os pormenores da xestión sostible dos residuos urbanos, incidindo no labor que estes deben asumir para propiciar a valorización dos refugallos mediante a súa transformación en recursos.

TEMÁTICAS CENTRAIS

Educadores ao servizo de Sogama explicaron, en primeira instancia, a importancia de aplicar cada día o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), previndo a súa produción mediante un consumo responsable, alongando a súa vida útil e separándoos por tipoloxías para ser depositados nos correspondentes contedores de recollida selectiva de cara a facilitar desta forma a súa posterior reciclaxe.

A autoxestión da materia orgánica mediante a compostaxe doméstica constituíu outra das temáticas abordadas, constatando o gran interese que suscita entre a poboación. Ademais de informar á veciñanza sobre o proceso a seguir para obter un abono de alta calidade que poida ser aplicado con garantías, e sen restricións, na agricultura e xardinería, incidiuse en que esta alternativa contribúe en boa medida a reducir a xeración de residuos no fogar, co conseguinte aforro ambiental e económico.

No caso dos centros escolares, o público obxectivo estivo constituído polo alumnado e os docentes, xa que a pretensión dos centros é seguir traballando a correcta xestión dos residuos nas aulas e que esta teña continuidade na contorna familiar e social dos pequenos, procurando que se erixan en prescritores das boas prácticas ambientais e que dispoñan dos coñecementos necesarios para levar a cabo unha tarefa educativa neste ámbito.

CONTINUIDADE EN 2022

Este programa presencial reforzouse con distintas campañas en liña que a compañía fixo chegar aos colexios e concellos adheridos ao seu sistema de xestión a fin de promover a participación da comunidade educativa e poboación en xeral nas mesmas.

Dados os excelentes resultados desta campaña formativa itinerante, a intención de Sogama, sempre e cando as medidas de protección fronte á pandemia así o permitan, é dar continuidade á mesma durante o ano 2022 para que cada vez sexan máis os cidadáns que incorporen os tres erres aos seus hábitos cotiáns, incrementando desta forma as cifras de reciclaxe en Galicia.

Saúdos, Departamento de Comunicación

26 Xan 2022

Galería