Idiomas

Sogama forma en redución de residuos a preto de 40 centros educativos da Mariña lucense

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • As sesións escolares, que se estenderán ata o vindeiro venres, día 25, inclúense na campaña “O marrón, o contedor que devolve vida”, promovida por Sogama nos 15 concellos que, a priori, utilizarán os servizos da planta de biorresiduos de Cervo
  • O obxectivo destas xornadas é explicar á comunidade educativa a funcionalidade do contedor marrón, materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, así como a operativa da instalación onde a materia orgánica será transformada en compost

Cerceda, a 22 de novembro de 2022.- No marco da Semana Europea da Prevención de Residuos 2022, e máis concretamente, dentro da campaña “O marrón, o contedor que devolve vida”, que Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, levará a cabo na Mariña lucense, alumnado e profesorado de preto de 40 centros pertencentes aos 15 concellos que, a priori, utilizarán os servizos da futura planta de biorresiduos de Cervo, serán formados na recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón.

As xornadas escolares arrincaron onte, día 21, e estenderanse ata o vindeiro venres, 25 de novembro. Durante os cinco días, monitores especializados percorrerán os colexios e institutos dos concellos de Cervo, Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, ademais de Mañón, para explicar os pormenores da Semana Europea da Prevención de Residuos, así como as boas prácticas a despregar no fogar, o traballo, a escola e o tempo de lecer para reducir a produción de residuos, sendo o consumo responsable unha medida básica e esencial.

Así, detallarase o que debe, e non debe facerse, en cada escenario e proporcionaranse recomendacións para minorar a cantidade de refugallos que cada día producimos, e cuxa xestión e tratamento require dun gran investimento humano e económico.

Pero, máis aló da prevención e a redución, incidirase tamén na importancia da reutilización, alongando a vida dos produtos ata esgotar a súa vida útil, e, por suposto na  recollida selectiva, debendo separar en orixe os residuos por tipos de material e depositalos nos contedores correspondentes para propiciar o seu posterior reciclado. Con isto garantirase a súa transformación en novas materias primas e preservaranse os escasos e limitados recursos naturais.

RECOLLIDA DIFERENCIADA DA MATERIA ORGÁNICA: UN PASO ADIANTE

Precisamente no ámbito da recollida selectiva, farán especial fincapé na incorporación ás rúas, durante os próximos meses, do quinto contedor, de cor marrón, onde a poboación debe depositar, única e exclusivamente, a materia orgánica contida nos residuos domésticos (FORSU) para que logo sexa convertida en compost na planta de biorresiduos de Cervo. Esta instalación acollerá todas as fases do proceso, dando lugar a un abono natural que será utilizado no sector da agricultura e a xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.

Igualmente, e a modo recordatorio, detallarán os residuos que hai que depositar en cada contedor (amarelo, azul, iglú verde e convencional) e poñerán a proba os coñecementos dos estudantes neste ámbito, utilizando para isto diversos recursos divulgativos de apoio tales como presentacións, vídeos e xogos.

Saúdos, Departamento de Comunicación

22 Nov 2022

Galería