Idiomas

Sogama instrúe en sostibilidade a centros escolares de Sanxenxo, Vilanova de Arousa e Poio

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • As accións formativas enmárcanse no programa educativo “Recíclate con Sogama” 2021-2022, no que participan 24 colexios de toda Galicia.
  • Entre estes figuran o CEIP Plurilingüe A Florida (Sanxenxo), o CEIP San Roque (Vilanova de Arousa) e o CEIP de Lourido (Poio)
  • O obxectivo desta iniciativa é instruír aos escolares na xestión sostible dos residuos urbanos, prestando especial atención ao principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).

Cerceda, a 25 de xaneiro de 2022.- En días pasados, educadores de Sogama desprazáronse á provincia de Pontevedra para impartir sesións formativas nos centros escolares de Sanxenxo, Vilanova de Arousa e Poio, seleccionados este curso académico para participar no programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.

Trátase do CEIP Plurilingüe A Florida, de Sanxenxo, cuxo proxecto leva por título “ Nós  tamén reciclamos”; o CEIP San Roque, de Vilanova de Arousa, coa súa iniciativa “Limpamos e  coidamos”; e o CEIP de Lourido, de Poio, co seu traballo “Recollida selectiva de  lixo non CEIP de Lourido”.

Seguindo as directrices do programa, o labor de todos eles estará orientado a  interiorizar os pormenores da xestión sostible dos  residuos urbanos, aplicando cada día o principio das tres erres: reducir, mediante un consumo responsable; reutilizar, alongando a vida útil dos produtos ata que son convertidos en refugallos; e reciclar, separándoos por tipoloxías e depositándoos nos contedores correspondentes a fin de que se convertan en novas materias primas, propiciando deste xeito o aforro de enerxía e recursos.

MEDIOS DE APOIO

Para levar a cabo as tarefas que os seus proxectos requiren e obter uns resultados satisfactorios, Sogama proporcionou a todos os centros participantes (24 en total de toda Galicia), os medios materiais e didácticos necesarios.

Entre os primeiros, destacarían as denominadas illas de reciclaxe, conformadas cada unha por tres contedores con capacidade para 120 litros (amarelo, azul e verde) nos que o alumnado debe depositar, previa separación dos mesmos, os distintos residuos.

No caso daqueles centros que dispoñen de servizo de comedor ou ben nos que se xera unha cantidade importante de materia orgánica procedente das merendas e  tentempiés, tamén se lles subministrou un composteiro para que poidan elaborar un fertilizante natural de calidade que logo aplican nos seus xardíns e hortas.

FORMACIÓN E ASESORAMENTO

Tras unha visita de diagnóstico durante o primeiro trimestre do curso, este mes completaranse as formacións para que os escolares, pertencentes todos eles a Educación Primaria, poidan perfeccionar os seus coñecementos na xestión dos residuos e adentrarse nos pormenores do modelo Sogama, que a día de hoxe dá servizo a un total de 295 concellos (máis de 2.240.000 habitantes).

Os monitores ao servizo da empresa pública farán un seguimento dos traballos desenvolvidos en cada centro e prestarán un asesoramento continuo para que a reciclaxe sexa unha realidade en todos eles.

Saúdos, Departamento de Comunicación

25 Xan 2022

Galería