Idiomas

Sogama instrúe a escolares de Palas de Rei e Vimianzo na correcta xestión dos residuos

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Os educadores ao servizo desta empresa pública impartirán mañá varias sesións formativas no CEIP Plurilingüe de Palas de Rei e no IES Terra de Soneira de Vimianzo, adaptando o enfoque e contidos ao perfil dos colectivos destinatarios
  • Mentres que para o alumnado de secundaria, as explicacións terán un cariz máis técnico, para os de primaria será máis lúdico, pero en ambos os casos haberá unha sección troncal como é o principio europeo dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), que non entende de idades

Cerceda, a 6 de novembro de 2022.- Mañá, luns, 7 de novembro, os educadores de Sogama viaxarán ás localidades de Palas de Rei (Lugo) e Vimianzo (A Coruña) para instruír a escolares de ambos os municipios na correcta xestión dos residuos.

No primeiro caso, os destinatarios serán os nenos/as de infantil e primaria do CEIP Plurilingüe Palas de Rei, onde impartirán tres sesións e, no segundo caso, os estudantes do IES Terra de Soneira, con dúas sesións.

Dado os distintos perfís dos colectivos, as explicacións e o enfoque das charlas adaptaranse ás características do alumnado. Con todo, traballarase nunha materia troncal como é a estratexia europea dos tres erres, é dicir, os hábitos que os cidadáns deben despregar para reducir a produción de lixo en orixe, para reutilizar ao máximo os produtos antes de refugalos e para contribuír á reciclaxe, separando os materiais por tipoloxías e depositando cada fracción no contedor correspondente: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; contedor marrón, para materia orgánica; e xenérico, para a fracción resto.

Falarán tamén da compostaxe doméstica, unha alternativa con moitq tradición no medio rural que posibilita a recuperación da materia orgánica en orixe e a súa posterior conversión en compost, un abono natural de alta calidade con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.

Así mesmo, avanzarán os pormenores do contedor marrón para a recollida desta fracción nas zonas máis urbanas dos municipios e que xa está a funcionar de forma exitosa en concellos tales como Cerceda, A Laracha, Carballo, Santa Comba, Cabana de Bergantiños e Santiago de Compostela.

As sesións servirán igualmente para que estudantes e docentes trasladen as súas dúbidas e consultas, motivándoos a que compartan as súas experiencias e propostas de mellora, das que os monitores tomarán nota.

RECURSOS DE REFORZO

Mentres que, para infantil e primaria, as charlas estarán reforzadas con distinto material didáctico e lúdico, para secundaria empregaranse recursos de carácter máis técnico, dando a coñecer a actividade industrial de Sogama e as tecnoloxías punteiras utilizadas por esta entidade para clasificar nas súas instalacións os residuos susceptibles de ser reciclados, que remite á industria transformadora para ser convertidos en novos produtos, transformando os non reciclables en enerxía eléctrica.

Saúdos, Departamento de Comunicación

6 Nov 2022

Galería