Idiomas

Unha trintena de empresas españolas coñecen en Sogama as últimas tecnoloxías na selección de envases

Print this pagePrint this pagePrint this page
* Visitaron esta mesma mañá o Complexo Medioambiental de Cerceda, onde tiveron a oportunidade de percorrer a planta de selección de envases procedentes da bolsa amarela e a de recuperación de materiais contidos no lixo en masa
* A visita enmárcase na xornada que este ano, e tras o parón obrigado pola pandemia, celebra ASPLARSEM en Galicia baixo o lema “Produtividade, eficiencia e calidade da reciclaxe no ámbito da nova lexislación”
* No seu papel de anfitrión, Javier Domínguez explicou o labor de Sogama, os seus proxectos actuais e de futuro, así como a súa actividade no campo da educación ambiental

Cerceda, a 30 de novembro de 2022.- Representantes de máis de 30 entidades de toda España adscritas á Asociación de Empresas de Recuperación e Selección de Envases Municipais -ASPLARSEM-, visitaron esta mañá o Complexo Medioambiental de Cerceda coa pretensión de coñecer, da man de Sogama, as últimas tecnoloxías na selección de residuos de envases. Con tal fin, realizaron un percorrido guiado polas plantas de selección de envases: por unha banda, a de clasificación dos materiais procedentes da bolsa amarela -PCLAS- (envases de plástico, latas e briks) e, por outro, a de recuperación de materiais contidos na bolsa negra -PCM-, onde Sogama consegue separar ata 11 tipoloxías de residuos susceptibles de ser reciclados.

VELANDO POR UNHA RECICLAXE DE CALIDADE

Grazas á operativa da PCM, que incorpora tecnoloxía 4.0, Sogama achega máis cantidade de residuos á reciclaxe, se ben apunta a que unha correcta selección en orixe por parte do cidadán e o posterior depósito dos materiais nos contedores axeitados, garantiría un maior e mellor reciclado.

Neste sentido, todas as entidades que conforman a cadea de valor do residuo, coincidiron na importancia crave que ten a formación e concienciación da poboación na recollida selectiva.

O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, explicou aos representantes das empresas asociadas a ASPLARSEM o servizo que esta Sociedade pública presta en Galicia, a infraestrutura industrial da que dispón para xestionar, de forma sostible, os refugallos municipais de 295 concellos, os seus proxectos corporativos actuais e de futuro, así coma o seu labor no campo da educación ambiental.

A visita a Sogama enmárcase na xornada que este ano celebra ASPLARSEM en Galicia, e que arrincou onte baixo o lema “Produtividade, eficiencia e calidade da reciclaxe no ámbito da nova lexislación”, chegando hoxe ao seu fin coa entrega dos premios correspondentes á oitava edición do Concurso de IDEAS, a través do cal se promoven proxectos para a mellora dos procesos e a seguridade nas plantas de xestión de residuos de envases.

Antes de concluír a visita a Sogama, Domínguez Lino fixo entrega ao vicepresidente de Asplarsem, Agustín Martínez de la Orden, dunha cerámica de artesanía galega co petroglifo que ata principios deste ano foi o aceno de identidade da compañía.

SOBRE ASPLARSEM

A Asociación de Empresas de Recuperación e Selección de Envases de Residuos Municipais (ASPLARSEM) creouse en xaneiro do 2003 co obxectivo de compartir experiencias e coñecementos para mellorar o funcionamento das plantas de selección e recuperación de envases, o seu balance económico, así coma os índices de reciclaxe e recuperación.

ASPLARSEM organiza cada ano unha xornada de formación nunha planta de tratamento de envases, que dirixe principalmente aos responsables das instalacións, de mantemento e técnicos, pretendendo con iso fomentar o intercambio de experiencias entre os profesionais do sector, difundir información de interese común e impulsar a innovación e a formación profesional continuada.

Logo do parón obrigado pola pandemia, a entidade retoma estes encontros e faino na comunidade galega.

Saúdos, Departamento de Comunicación

www.sogama.gal

30 Nov 2022

Galería