Idiomas

A Xunta de Galicia lanza unha nova edición da campaña 'Camiño da reciclaxe'

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Ángeles Vázquez anima aos peregrinos a facer que este Xacobeo sexa tamén un ano “de récord” no que respecta aos datos de reciclaxe de residuos nos ecoalbergues
  • Nava Castro salienta que hai que coidar o Camiño de Santiago porque “é o patrimonio de todos” e a imaxe que van levar os que nos visitan cando volvan a casa
  • Durante os 6 anos que leva en marcha esta iniciativa, conseguíronse recuperar xa na Comunidade máis de 500 toneladas de envases lixeiros e de papel e cartón

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022.- Xunta de Galicia, en colaboración con Ecoembes, lanzará este verán unha nova edición da campaña Camiño da reciclaxe, que nesta ocasión estará presente nun total de 15 oficinas de turismo e en 208 albergues galegos repartidos ao longo de 6 itinerarios diferentes: francés, inglés, portugués, norte, primitivo e, por primeira vez, portugués da costa.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e o xerente da zona norte de Ecoembes, Fernando Blázquez, presentaron hoxe en Santiago todos os detalles da iniciativa, que se puxo en marcha en 2016 para concienciar ás miles de persoas que percorren cada ano o Camiño de Santiago da importancia de separar e reciclar os residuos e envases que van xerando durante a súa peregrinación e de manter este itinerario libre de basuraleza.

Para facilitar o proceso, todos os ecoalbergues adheridos ao proxecto recibirán un kit con carteis informativos; papeleiras amarelas para depositar latas, briks e envases de plástico, e azuis para a recollida selectiva do papel e do cartón; un selo que os identifica como albergue colaborador; Compostelas especiais para os ecoperegrinos; e un lote de bolsas reutilizables fabricadas con PET reciclado para repartir entre as persoas aloxadas.

Durante os 6 anos que leva en marcha Camiño da reciclaxe, Ángeles Vázquez explicou que se recuperaron xa máis de 500 toneladas de residuos a través dos albergues adheridos, cun incremento constante das taxas de recollida que acadaron a súa cifra máis alta en 2021, cun total de 117 toneladas.

Por iso, animou aos peregrinos que visiten Galicia entre os meses de xuño e outubro a facer que este sexa tamén “un ano de récord” en canto á reciclaxe de envases lixeiros e de papel-cartón, contribuíndo así a que o Xacobeo 21-22 se recorde como “o máis comprometido co medio ambiente da historia”.

Tras enmarcar a presentación da campaña na Semana por unha Galicia sostible que promove a Consellería co gallo do Día mundial do medio ambiente, o vindeiro 5 de xuño, Vázquez Mejuto subliñou o dobre obxectivo ambiental que se persegue con Camiño da reciclaxe xa que, por un lado, se fomenta a separación e a cultura da reciclaxe entre os peregrinos, e por outro, contribúese á protección dos valores naturais que os atraen a Galicia coa plantación de árbores autóctonas ao finalizar cada edición.

Así, por cada persoa que suba unha foto a Instagram da súa Compostela de ecoperegrino con tres selos —que poderán obter nos albergues participantes entre os meses de xuño e outubro—, plantarase unha árbore autóctona nalgún punto de Galicia.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, indicou que “todos temos ben claro que o Camiño é moito máis que un destino”. “O Camiño é a beleza e a riqueza patrimonial de cada un dos seus recunchos. E entre todos temos que coidalo e preservalo para amosar a súa mellor imaxe e ter un Camiño sostible”, engadiu.

Así mesmo, salientou que a unión de todos a prol do Camiño é fundamental, porque “é o patrimonio de todos e a imaxe que van levar os peregrinos cando volvan a casa”. A potenciación do turismo como factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento desta actividade como instrumento de reequilibrio territorial é de suma importancia para a Xunta e accións como esta, dixo, así o reflicten.

“Estamos batendo récords de chegadas de visitantes a Galicia que se atopan unha terra verde, unha terra limpa, unha terra que se converte nun refuxio, un destino seguro”, rematou Nava Castro, que animou a traballar “xuntos e unidos” para seguir tendo unha Galicia verde e unhas rutas limpas e coidadas.

Por último, o xerente da zona norte de Ecoembes, Fernando Blázquez, agradeceu á Xunta a súa implicación nun proxecto que “busca concienciar aos miles de peregrinos que recorren as paraxes naturais desta emblemática ruta sobre a importancia de mantela libre de basuraleza”.

CONCERTO POLA RECICLAXE

Como novidade deste ano e coincidindo co Día mundial do medio ambiente, o vindeiro domingo celebrarase un concerto gratuíto en Santiago a cargo da orquestra A música da reciclaxe, do cantante galego Andrés Suárez e da agrupación folclórica Colexiata de Sar.

O obxectivo é facer unha homenaxe con instrumentos de materiais reciclados a todos os ecoperegrinos que contribúen a fomentar o respecto polo medio ambiente e uns hábitos axeitados para a xestión dos residuos. As entradas poden reservarse nesta ligazón.

Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

31 Mai 2022

Galería