
- O obxectivo destes galardóns é visibilizar e recoñecer aquelas iniciativas, proxectos e traxectorias que contribúen significativamente á sostibilidade, a economía circular e a innovación no eido do medio ambiente
Cerceda, 23 de setembro de 2025.- A Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia (APROEMA) fixou o 15 de outubro de 2025 como data límite para a presentación de candidaturas á VII Edición dos Premios Medio Ambiente APROEMA 2025. O obxectivo deste certame é recoñecer aquelas iniciativas, proxectos e traxectorias que contribúen significativamente á sostibilidade, a economía circular e a innovación no eido do medio ambiente.
A Asociación considera que “Participar supón unha oportunidade única para poñer en valor o compromiso ambiental das organizacións, gañar visibilidade no sector, fortalecer a súa reputación corporativa e posicionarse como referente en sostibilidade”. De feito, estes galardóns consolidáronse ao longo dos anos como unha cita de referencia en Galicia para a promoción das boas prácticas ambientais.
As candidaturas, que deben ser presentadas a través dun formulario en liña https://premios.aproema.com/presenta-tu-candidatura-2025/, serán avaliadas por un xurado conformado por representantes de Sogama, a Fegamp, a USC e a Xunta Directiva de Aproema.
Fonte e imaxe: APROEMA