- A empresa pública remitiu ao Concello outros tantos composteiros domésticos, sumando preto de 240 os achegados ata o de agora
Cerceda, 16 de xullo de 2026.- Un total de 25 familias de Allariz (Ourense) súmanse, coa colaboración de Sogama, ao programa local de autocompostaxe logo de subministrar esta empresa pública outros tantos composteiros ao ente local xunto con cubos domiciliarios marróns de 10 litros para facilitar o traslado da materia orgánica desde as cociñas ao recipiente, que en todo caso debe situarse no exterior das vivendas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Con esta última entrega, son preto de 240 os composteiros achegados pola compañía ao municipio co fin de que cada vez sexan máis as vivendas que participen nesta iniciativa e que autoxestionen os residuos orgánicos en orixe mediante a súa conversión en compost, un abono natural de alta calidade con posteriores aplicacións en xardíns, hortas e terras de cultivos para dar unha nova vida.
Máis aló dos seus evidentes beneficios ambientais, con este programa posibilítase a redución da a cantidade de residuos depositados nos contedores das vías públicas, posibilitando que o Concello entregue menos toneladas a Sogama e, polo tanto, vexa diminuídos os custos.
Trátase de recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación de restos orgánicos para alimento dos animais domésticos ou ben para a elaboración de abono, pero dunha forma máis cómoda, eficiente e hixiénica.
Máis aló das explicacións achegadas polo Concello, os interesados dispoñen de toda a información sobre a operativa a seguir na páxina web da entidade www.sogama.gal, onde se describen os pasos a dar para obter un compost de alta calidade e que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente: desde a propia localización do composteiro ata a relación de residuos que deben, e non deben, depositarse no mesmo, o seguimento e control de parámetros que influirán en boa medida no resultado final talles como o osíxeno, a temperatura e a humidade, así como as posibles aplicacións do abono resultante.
Saúdos, Departamento de Comunicación