- O evento, promovido e organizado por Cluergal, terá lugar do 8 ao 10 de outubro en Santiago de Compostela (Cidade da Cultura), sendo a súa pretensión, tal e como sinalou o xerente desta entidade, Oriol Sarmiento, “consolidarse como punto de encontro estratéxico para quen lidera o cambio cara a un modelo enerxético máis sostible”
- É por isto que o congreso combinará relatorios de alto nivel cunha zona expositiva na que se darán a coñecer os últimos avances e aplicacións industriais en distintos ámbitos enerxéticos
Cerceda, a 17 de setembro de 2025.- Xa está aberto o prazo de inscrición para a que será a segunda edición de” Energy Days,” que se celebrará do 8 ao 10 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela (Edificio CINC).
O evento, impulsado e organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), configúrase como un foro de debate sobre enerxía, industria e dixitalización, á vez que se consolida como unha das principais citas do sector enerxético a nivel nacional. Non en van, congregará a máis de medio milleiro de profesionais, empresas e institucións de España que darán a coñecer durante eses tres días os últimos avances en materia de transición enerxética.
Tal e como explicou Oriol Sarmiento, xerente de Cluergal, “Unha das novidades desta edición será a importancia das redes eléctricas e o almacenamento enerxético, pois sen eles non será posible a transición enerxética”, ao que engadiu que “a integración de fontes renovables como a solar ou a eólica, introduce variabilidade na xeración eléctrica, o que fai esencial contar con sistemas capaces de almacenar excedentes e liberalos cando a demanda o requira. E aquí Galicia ten unha gran oportunidade se se aposta por algúns proxectos moi interesantes como as centrais hidroeléctricas reversibles”.
A pretensión de Cluergal, tal e como subliñou Sarmiento Díez, é que Energy Days se afiance como punto de encontro estratéxico para quen lidera o cambio cara a un modelo enerxético máis sostible, apostando polo coñecemento, a innovación e a cooperación como piares fundamentais.
É por isto que o evento combinará relatorios de alto nivel cunha zona expositiva na que se darán a coñecer os últimos avances e aplicacións industriais en materia de eficiencia enerxética, autoconsumo, mantemento, enerxía eólica, sostibilidade, mobilidade, comunidades enerxéticas, intelixencia artificial, dixitalización…
Industria, cidades e eólica
O programa de contidos susténtase en tres ejes temáticos: industria, cidades e eólica. Así, durante a primeira xornada (8 de outubro), debateranse cuestións como a eficiencia enerxética na industria, as enerxías renovables, o almacenamento enerxético ou a transición enerxética. Esa mesma tarde celebrarase un foro de formación e emprego no sector enerxético, que reunirá a empresas e a profesionais para dar a coñecer as ofertas laborais do sector en Galicia.
O 9 de outubro, as sesións virarán ao redor das cidades, facendo fincapé na sostibilidade, a eficiencia enerxética en edificios, a mobilidade sostible e a dixitalización no sector enerxético, con especial enfoque cara a unha tecnoloxía crave como é a Intelixencia Artificial.
O evento culminará o 10 de outubro cunha xornada monográfica dedicada á enerxía eólica, con relatorios dedicados á análise da situación xurídica do sector, a repotenciación ou a posta en valor da cadea de subministración.
Tamén se presentarán os últimos avances técnicos en proxectos como RISS (un novo roteiro de fabricación de superestruturas eólicas intelixente, segura e sostible) ou Floatwind (novas solucións de deseño e fabricación de superestruturas para eólica mariña).
Tanto as persoas interesadas en asistir aos relatorios e actividades, como aquelas empresas que desexen participar nos Energy Days, poden inscribirse a través da páxina web https://energydays.es/inscricións/
Máis información en www.energydays.es