
- Localizarase no propio Complexo Medioambiental de Sogama, onde ocupará unha superficie de 8.000 m2, e contará cunha capacidade inicial para 3.000 toneladas anuais, ampliable ata 24.000
- A previsión é que a instalación estea culminada no segundo trimestre de 2026 e, nunha primeira fase, creará entre 16 e 30 empregos directos, que se cubrirán, con carácter preferente, por persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social
- Trátase dun proxecto tractor e integrador que permitirá aos concellos e empresas do sector téxtil a cumprir as súas obrigacións legais e evitar o uso do vertedoiro
Cerceda, a 2 de maio de 2025.- A Xunta de Galicia, a través de Sogama, adxudicou á UTE Espina Obras Hidráulicas-Setec Building, coa solvencia téxtil de Arroupa (entidade de economía social), e por un importe de 22.480.815 euros (IVE incluído), a obra e xestión integral da primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles, que se localizará no propio Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), ocupando unha superficie de 8.000 m2. Cunha capacidade inicial para 3.000 toneladas anuais, poderá tratar ata 24.000.
Con esta instalación, caracterizada por ser unha iniciativa tractora e integradora, dáse resposta ás esixencias contempladas na lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que obriga aos concellos a recoller os residuos téxtiles de forma diferenciada dende o 1 de xaneiro do ano en curso, e ás empresas do sector a incorporar aos seus produtos unha porcentaxe de fibra reciclada. Así mesmo, aténdese ás necesidades da sociedade no seu conxunto, toda vez que, a día de hoxe, o 90% dos residuos téxtiles, que crecen de forma exponencial debido ao consumo de moda rápida, acaban en vertedoiro.
A partir do proxecto básico proporcionado por esta empresa pública, a adxudicataria debe encargarse da redacción dos proxectos, informes e estudos necesarios para obter e axilizar as correspondentes licenzas e autorizacións administrativas, tendo en conta que a instalación debe estar culminada no segundo trimestre de 2026.
Sostibilidade ambiental e integración social
En todo caso, a propia edificación debe cumprir con distintos criterios de sostibilidade tales como o uso de materiais reciclados, que, ademais, sexan duradeiros e fáciles de manter; solucións de aforro enerxético, dando prioridade á luz natural dos distintos espazos; melloras vinculadas ao aforro do consumo de auga; e análise do ciclo de vida do edificio, é dicir, análise do impacto que terán os materiais utilizados, tanto na fase de fabricación e construción, como na de explotación e demolición.
A planta xerará, nunha primeira fase, entre 16 e 30 empregos directos que se cubrirán, con carácter preferente, por persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
Operativa
Unha vez recibidos os téxtiles na instalación, sométense a unha preclasificación a fin de separar aquelas pezas que se atopen en bo estado para destinalas a reutilización. As restantes atravesan un proceso de clasificación con intelixencia artificial mediante o cal se conseguen segregar os téxtiles por composición e cores. A continuación, sepáranse elementos impropios e accesorios tales como botóns, cremalleiras etc.
Os tecidos resultantes prénsanse e envíanse aos centros recicladores para transformarse en fibra téxtil reciclada, aínda que tamén poden contemplarse outros usos, como son os produtos illantes. Aqueles téxtiles que, dadas as súas características, non poden ser reutilizados nin reciclados, serán valorizados enerxeticamente, evitando que acaben enterrados en vertedoiro, a peor das opcións debido ao seu negativo impacto ambiental e sobre a saúde.
Saúdos, Departamento de Comunicación