- A asociación advirte de que a aplicación do sistema europeo de comercio de emisións podería elevar o custo do tratamento ata os 114,5 €/Tn en 2040 e xerar un impacto anual de 274 M€
Cerceda, 21 de outubro de 2026.- A Asociación de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos (AEVERSU) reclama que a valorización enerxética de residuos municipais quede excluída do réxime europeo de comercio de dereitos de emisión (EU ETS). A entidade pide ao Gobierno español que defenda esta posición durante a tramitación da nova normativa europea, ante o risco de que os custos adicionais dificulten o cumprimento dos obxectivos de reciclaxe e redución da vertedura.
A proposta de revisión do EU ETS contempla incorporar a incineración e coincineración de residuos non perigosos a partir de 2031, cunha aplicación progresiva ata alcanzar o 100% das obrigacións de entrega de dereitos de emisión en 2034.
No marco do Día Mundial do Aforro Enerxético, que se celebra hoxe, 21 de outubro, Aeversu sostén que gravar o tratamento final dos residuos non permite actuar sobre a orixe das emisións fósis. Segundo a asociación, a composición dos residuos depende en gran medida de decisións previas relacionadas co deseño dos produtos, os materiais, os envases e a súa reciclabilidade.
«Se Europa quere reducir o carbono fósil, debe actuar alí onde aínda se pode modificar o problema: no deseño dos produtos, os materiais e a súa posta no mercado. Gravar o residuo cando xa chegou á planta non cambia a súa composición», sinala Joaquín Pérez Viota, presidente de Aeversu.
O custo do EU ETS podería alcanzar os 114,5 €/Tn en 2040
Segundo as estimacións económicas da asociación, cun prezo do carbono de 175 euros por tonelada de CO₂ en 2035, o custo asociado ao EU ETS ascendería a 87,5 euros por tonelada de residuo tratado. En 2040, cun prezo de 229 euros por tonelada de CO₂, alcanzaría os 114,5 euros por tonelada, o que suporía un impacto anual aproximado de 274 millóns de euros.
Aeversu advirte de que este sobrecusto podería repercutir nos cidadáns mediante un aumento das tarifas e taxas de residuos ou a través dun maior gasto público destinado aos contratos e servizos de tratamento, sen que isto implique necesariamente unha redución equivalente das emisións.
A entidade lembra que a valorización enerxética non substitúe á prevención, a reutilización nin a reciclaxe, senón que permite xestionar a fracción residual que non pode recuperarse mediante outras vías.
O encarecemento podería dificultar a redución da vertedura
Aeversu considera que introducir custos adicionais á valorización enerxética sen ter en conta a situación de España pode poñer en risco o cumprimento dos obxectivos europeos de reciclaxe e redución dos residuos depositados en vertedoiros.
Esta tecnoloxía permite tratar a fracción non reciclable e reducir progresivamente o envío de residuos a vertedoiro. Por iso, a asociación advirte de que un incremento dos custos podería desincentivar a súa utilización e dificultar o avance cara aos límites europeos de eliminación de residuos.
A organización tamén destaca a diferenza de emisións entre ambas as dúas opcións. Segundo os datos técnicos que manexa, a vertedura xera 772 kg de CO₂ equivalente por tonelada, fronte aos 224 kg asociados á valorización enerxética. Estas cifras representan unhas emisións aproximadamente un 245% superiores no caso do vertedoiro, aínda que a diferenza pode alcanzar o 249% segundo as hipóteses utilizadas.
A asociación subliña, ademais, que o impacto da revisión do EU ETS non será igual en todos os Estados membro. España necesita acelerar a redución da vertedura e avanzar no cumprimento dos obxectivos europeos, mentres que outros países contan con diferentes niveis de eliminación en vertedoiro, infraestruturas, redes de calor e posibilidades de captura e almacenamento de CO₂.
Por este motivo, Aeversu reclama que a normativa teña en conta as condicións de partida de cada territorio e evite medidas que poidan frear a redución dos residuos destinados a vertedoiro.
«A nosa posición é clara: a prioridade debe ser excluír a valorización enerxética do EU ETS e dirixir o sinal económico cara á orixe do carbono fósil», conclúe Pérez Viota.
Fonte: Aeversu