- A instalación, que se atopa en obras, será a primeira planta pública de España destas características e a súa posta en marcha virá reforzar a firme aposta de Galicia pola moda circular
- A súa actividade, que complementará á das empresas de economía social, contribuirá ao cumprimento dos esixentes obxectivos europeos en materia de reciclaxe, así como aos propios de descarbonización
Cerceda, 30 de marzo de 2026.- Alumnado do CESIS (Curso de Experto en Sostibilidade e Innovación Social, da Cátedra Inditex (Universidade da), visitou o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer a súa actividade, manifestando o seu interese na posta en marcha da que será a primeira planta pública de España de clasificación de residuos téxtiles, instalación que virá a reforzar a firme aposta de Galicia pola moda circular.
A infraestrutura, que se atopa en fase de obras, enmárcase na lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que obriga aos concellos a recoller de forma diferenciada os residuos téxtiles e, á industria do sector, a utilizar unha determinada porcentaxe de fibra reciclada.
Cun investimento de 22,4 millóns de euros, tendo captado dos fondos MRR (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia) máis de 12 millóns, ocupará unha parcela de 8.000 metros cadrados e terá unha capacidade inicial para procesar 3.000 toneladas anuais de téxtiles, con posibilidade de ampliación ata as 24.000. O seu labor centrarase na selección de téxtiles por composición e cores, procedendo ao seu posterior envío aos centros recicladores para que sexan transformados en fibra téxtil reciclada ou ben en produtos illantes.
Non obstante, e con carácter previo, a instalación contempla unha preclasificación das pezas que se atopen en bo estado para destinalas a reutilización. Pola súa banda, aquelas que, dadas as súas características, non poidan ser reutilizadas nin recicladas, serán valorizadas enerxeticamente, evitando que acaben enterradas en vertedoiro pola alta carga contaminante deste sistema.
Desta forma, a nova planta, cuxa actividade complementará á das empresas de economía social, contribuirá ao cumprimento dos esixentes obxectivos europeos en materia de reciclaxe, así como aos propios de descarbonización de Galicia.
Nunha primeira fase, creará entre 16 e 30 postos de traballo, a ocupar, con carácter preferente, por persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade social.
A través dun percorrido virtual con lentes 360º, reforzado cun guiado a pé, o grupo puido coñecer con precisión a operativa industrial de Sogama e a xestión que reciben as distintas fraccións de residuos xestionadas por esta compañía pública (bolsa amarela, bolsa marrón e bolsa negra) para convertelas en recursos a través da súa reciclaxe, compostaxe ou valorización enerxética, no caso da parte non reciclable.
Sobre CESIS Cátedra Inditex
Trátase dunha formación de posgrao que trata de xeito transversal, multidisciplinar e práctica, a sostibilidade e a responsabilidade e innovación social das organizacións, tanto de administracións públicas, empresas e entidades non lucrativas, poñendo o foco nas iniciativas máis innovadoras que sexan capaces de crear conxuntamente valor económico, social e medioambiental.
Saúdos, Departamento de Comunicación