- Un total de 25 centros de infantil e primaria das catro provincias foron seleccionados para participar nesta iniciativa, centrada na xestión sostible dos residuos no ámbito escolar a través das boas prácticas vinculadas á redución, a reutilización e a reciclaxe
- Para axudalos na execución dos seus proxectos, Sogama proporcionará aos colexios os medios necesarios, tanto didácticos como materiais, destacando, entre estes últimos, as coñecidas como “Illas de reciclaxe”, conformadas cada unha por catro contedores de recollida selectiva, con capacidade para 120 litros
- Así mesmo, realizará visitas de seguimento a cada centro para supervisar os seus proxectos, reorientalos, no caso de que así fose necesario, e resolver posibles dúbidas
Cerceda, 17 de novembro de 2025.- O programa educativo “Recíclate con Sogama” inicia unha nova nova andaina para o período 2025-2026, adentrándose na que será a súa 14ª edición.
Canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, o obxectivo desta iniciativa é instaurar nos centros escolares as boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos, isto é, a prevención e a redución da súa xeración, a reutilización dos produtos e a correcta separación dos mesmos, unha vez convertidos en refugallos, depositando cada tipoloxía no contedor correspondente a fin de garantir o seu posterior reciclado.
Un total de 25 centros escolares de infantil e primaria, incluíndo tamén aos de educación especial, foron seleccionados pola empresa en base a unha serie de requisitos previamente establecidos. As candidaturas presentadas no seu momento a través do Plan Proxecta foron valoradas polo miúdo, especialmente en relación aos seus obxectivos, calidade da memoria, metodoloxía a seguir e dinámicas de traballo deseñadas para que o alumnado tome conciencia da problemática inherente á elevada produción de lixo e como facer fronte á mesma.
Operativa
Logo dun diagnóstico in situ da situación de cada centro ao redor da xestión dos residuos producidos no mesmo, Sogama procederá á entrega das denominadas illas de reciclaxe, conformadas por 4 contedores de recollida selectiva (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; marrón, para materia orgánica; e verde -xenérico, para a fracción resto). Ademais, os centros que dispoñan de terreo, poderán solicitar á compañía un composteiro co fin de elaborar o seu propio abono, que aplicarían nos seus hortos ou xardíns.
Este mesmo mes, a empresa tamén remitirá a cada colexio o material didáctico de apoio, incluíndo un titorial para o profesorado, e, a principios de 2026, impartirá sesións presenciais, que estarán reforzadas con talleres e xogos.
No segundo trimestre, os educadores de Sogama efectuarán unha visita de seguimento para valorar provisionalmente os distintos proxectos e, xa no terceiro trimestre, ademais da avaliación das actividades realizadas ao longo do curso, efectuarán unha caracterización dos contedores que conforman as illas de reciclaxe para cuantificar o grao de acerto ou erro no correcto uso dos mesmos, é dicir, se os residuos se separaron axeitadamente ou se, pola contra, se detectaron impropios (materiais que acaban no contedor incorrecto).
Relación de centros participantes no curso 2025-2026
Provincia de Pontevedra (9)
- CEIP de Lourido, de Poio
- CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade, de Vila de Cruces
- CPR Santa María e CRA Mestra Clara Torres, de Tui
- CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez, de Pontevedra
- CPR Plurilingüe Lar e CEIP de Atín-Cela, de Mos
- CEIP Plurilingüe de Tirán, de Moaña
- CPR Plurilingüe Marquesa do Pazo da Mercé, ds Neves
Provincia da Coruña (9)
- CPI Armando Cotarelo Valledor, de Boimorto
- CEE A Barcia, CEE Manuel López Navalón e CEIP Arquitecto Casas Novoa, de Santiago de Compostela
- CEIP Plurilingüe Alborada e CEIP Plurilingüe Labaca, da Coruña
- CRA de Bergondo, Bergondo
- CPI Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco
- CEIP Plurilingüe A Magdalena, das Pontes
Provincia de Lugo (1)
- CEIP Plurilingüe Lagostelle, de Guitiriz
Provincia de Ourense (6)
- CPR Plurilingüe Luis Vives e CEIP Manuel Luis Acuña, de Ourense
- CPI Terras de Maside, de Maside
- CPR Plurilingüe María Inmaculada, de Verín
- CEIP de Casaio, de Carballeda de Valdeorras
- CPR Plurilingüe Divina Pastora, do Barco de Valdeorras
Saúdos, Departamento de Comunicación