
- Situada no Pazo de Ferreirós, está ao dispor dos transeúntes para explicarlles como separar os residuos en orixe e cal é o contedor de destino para cada tipoloxía
- O concelleiro de Medio Ambiente de Poio, Manuel Domínguez, foi o primeiro en chegar ao posto divulgativo para comprobar de primeira man a posta en escena e actividades a executar no mesmo.
- A iniciativa pon o foco nos denominados “impropios”, é dicir, aqueles residuos introducidos no contedor equivocado e que acaban limitando e entorpecendo a reciclaxe dos correctamente depositados
Cerceda, a 17 de xuño de 2025.- A aula itinerante da campaña formativa e de concienciación ambiental impulsada por Sogama baixo o título “Separa. Depende de ti”, fixo escala hoxe no municipio de Poio (Pontevedra), concretamente no Pazo de Ferreirós, para instruír aos veciños no bo uso dos contedores de recollida selectiva. A pretensión é reducir a presenza de impropios nos mesmos, é dicir, os residuos incorrectamente depositados e que acaban limitando e entorpecendo a posterior reciclaxe do resto.
Explicacións, grafismos e xogos
A través dunha serie de paneis e gráficas, monitores especializados explican aos transeúntes como separar os residuos en orixe e cal é o contedor de destino para cada tipoloxía, advertindo que a presenza de elementos impropios pode acabar estropeando o traballo realizado polo resto dos cidadáns e imposibilitando unha reciclaxe de calidade. Dunha forma visual, e empregando o concepto das manchas, preténdese mostrar que clasificar residuos é tan sinxelo coma non mesturar cores.
O concelleiro de Medio Ambiente de Poio, Manuel Domínguez, foi o primeiro en chegar ao posto divulgativo para comprobar de primeira man a posta en escena e actividades a executar no mesmo.
A carpa está equipada cunha serie de urnas con bólas de cores, que representan aos 5 contedores principais (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para vidro; marrón, para materia orgánica; e gris, para fracción resto), nas que os participantes deberán identificar a bóla de distinta cor e que identificaría un impropio. Unha vez realizado o itinerario por todas as urnas, responderán a unha serie de preguntas formuladas polos educadores e a través das cales se avalía o grao de coñecemento sobre recollida selectiva de residuos.. Para os que acerten, hai agasallos e sorpresas.
As explicacións dos monitores esténdense tamén ao resultado do labor cidadán, xa que proporcionan información relevante sobre o que acontece cando clasificamos axeitadamente e cando non. No primeiro caso, os residuos convértense en recursos valiosos para a fabricación de novos produtos, redúcese a necesidade de extraer da natureza materias primas virxes, diminúe a contaminación e xéranse postos de traballo. No segundo caso, contamínanse os refugallos correctamente separados e, polo tanto, complícase e retárdase o proceso de recuperación, encarecéndoo. Separar os impropios require tempo e diñeiro extra, coa particularidade de que se perden materiais que poderían transformarse en novos artigos de utilidade.
Exemplos e curiosidades
Para afianzar coñecementos, os monitores utilizan exemplos e curiosidades. Por exemplo, que cada tonelada de cartón reciclado aforra o equivalente á enerxía que necesita un fogar durante 6 meses; que reciclar 3 botellas de vidro aforra a enerxía que se necesita para cargar un teléfono móbil durante todo un ano; que se necesitan 500 anos para que unha botella de plástico se degrade na natureza; ou que por cada tonelada de briks reciclados pódese aforrar ata 1,5 toneladas de madeira.
Toda a información en https://www.sogama.gal/es/separa-depende-de-ti
Saúdos, Departamento de Comunicación