
- Atendida por monitores especializados, o seu obxectivo é instruír á veciñanza na correcta separación de residuos en orixe para posibilitar o seu posterior reciclado
- Fará escala en Moaña o vindeiro mércores, día 9, situándose no Mercado de Abastos entre as 10:00 e as 14:00 horas, mentres que en Cangas estará o 11 de xullo (venres), na Alameda, durante a mesma franxa horaria
- A iniciativa pon o foco de atención nos denominados “impropios”, é dicir, naqueles refugallos que, por descoñecemento, erro ou falta de concienciación, non foron introducidos polo cidadán no contedor axeitado, chegando a impedir a reciclaxe do resto de residuos correctamente depositados
Cerceda, a 7 de xullo de 2025.- A aula itinerante da campaña de formación na xestión sostible dos residuos urbanos, bautizada co lema “Separa. Depende de ti”, e promovida por Sogama, chegará os próximos días aos concellos pontevedreses de Moaña e Cangas, logo de pasar por Bueu a mediados de xuño.
Atendida por monitores especializados, o obxectivo desta iniciativa é instruír aos visitantes na correcta separación de residuos en orixe para posibilitar o seu posterior reciclado, poñendo o foco de atención nos denominados “impropios”, é dicir, naqueles refugallos que, por descoñecemento, erro ou falta de concienciación, non foron introducidos polo cidadán no contedor axeitado, chegando a limitar, e mesmo a impedir, a reciclaxe do resto de residuos correctamente depositados.
Ademais das explicacións proporcionadas polos educadores, reforzadas con paneis divulgativos nos que se mostra, dunha forma gráfica, os materiais que poden -e non poden- introducirse en cada contedor de recollida selectiva (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para vidro; contedor marrón, para materia orgánica; e xenérico, para fracción resto), a aula conta con xogos e itinerarios de identificación de impropios ao dispor dos visitantes, dándolles a oportunidade de facerse con distintos premios.
Calendario
A campaña fará escala en Moaña o vindeiro mércores, día 9, situándose no Mercado de Abastos entre as 10:00 e as 14:00 horas, mentres que en Cangas estará o 11 de xullo (venres), na Alameda, durante a mesma franxa horaria.
Máis aló de ilustrar a correcta clasificación de residuos a través de distintos soportes, os monitores faranse eco dos beneficios, tanto para o medio ambiente como para a saúde, que trae consigo a reciclaxe, transmitindo a mensaxe de que, cando clasificamos previamente os residuos, propiciamos que estes se convertan en recursos cos que fabricar novos produtos, reducindo deste xeito a necesidade de extraer materias primas virxes da natureza e contribuíndo á redución da contaminación e á creación de postos de traballo estables.
Pola contra, cando non se separa en orixe, contamínanse os refugallos e, polo tanto, complícase e retárse o proceso de recuperación, xa que segregar residuos en planta industrial require tempo e diñeiro extra, ademais dunha perda significativa de materiais que poderían converterse en recursos.
A campaña xa circulou, cunha excelente acollida, por dez concellos das catro provincias.
Toda a información en https://www.sogama.gal/es/separa-depende-de-ti
Saúdos, Departamento de Comunicación