
- Enmarcada na campaña “Separa. Ti decides”, e atendida por educadores especializados, estivo ao dispor dos ferroláns o pasado luns, 21 de setembro, coincidindo coa feira de mes, sendo o seu obxectivo explicarlles a gran importancia que ten a súa colaboración para incrementar as taxas de reciclaxe
- O foco de atención púxose nos impropios, é dicir, naqueles refugallos que se tiran ao contedor equivocado (por descoñecemento, descoido ou falta de concienciación), e que acaban contaminando os correctamente depositados, limitando e mesmo impedindo a súa posterior recuperación
- A aula estaba equipada con paneis e xogos orientados a reforzar coñecementos e incrementar a concienciación dos visitantes
Cerceda, 24 de setembro de 2025.- A campaña “Separa. Ti decides”, promovida por Sogama, chegou o pasado luns, 21 de setembro, a Ferrol, coincidindo coa feira de mes, e fíxoo para informar aos veciños sobre como deben separar os seus residuos e cal é o contedor de destino para cada tipoloxía, incidindo na gran importancia que este traballo previo de selección ten para garantir unha reciclaxe eficiente e da calidade.
Os que se achegaron á aula itinerante, atendida por educadores especializados, recibiron explicacións e nocións sobre as boas prácticas orientadas a consumir de forma responsable para previr e reducir a xeración de residuos, así como a alongar a vida útil dos produtos mediante a súa reutilización. Dous pasos previos á reciclaxe que necesariamente deben ser tidos en conta para garantir un comportamento sostible.
Así mesmo, especificaron os materiais a introducir en cada un dos contedores de recollida selectiva habilitados nas vías públicas (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para vidro; contedor marrón, para materia orgánica; e xenérico, para a fracción resto), e fixéronse eco dos grandes beneficios que ten para os concellos incrementar a súa achega á reciclaxe, pois, non só lles permitirá entregar menos refugallos a Sogama para o seu tratamento final, minorando o importe da factura a pagar a esta empresa pública, senón que tamén recibirán maiores ingresos por parte das entidades recicladoras.
Ademais das xa coñecidas vantaxes da reciclaxe para o medio ambiente mediante o aforro de enerxía e de materias primas virxes, hai outras de carácter económico para as arcas locais que, sen dúbida, acabarán beneficiando aos cidadáns.
Por este motivo, a campaña pon o foco de atención nos denominados impropios, que son aqueles residuos que se tiran ao contedor equivocado (por descoñecemento, descoido ou falta de concienciación), e que acaban contaminando os correctamente depositados, limitando e mesmo impedindo a súa posterior recuperación.
Equipamento para afianzar coñecementos
A aula equipouse con paneis que ilustran o proceso de reciclaxe a través de debuxos e gráficos, dispoñendo mesmo de urnas nas que os visitantes podían atopar pelotas de cores para realizar distintos xogos, transmitindo a mensaxe de que separar residuos é tan sinxelo como non mesturar cores. Os participantes foron gratificados con distintos obsequios divulgativos e de merchadising.
Con esta iniciativa, a empresa pública quere achegar a recollida selectiva aos fogares e facer partícipes aos cidadáns, xa que se estes non levan a cabo unha clasificación previa dos refugallos, traballo esencial que non pode ser substituído por máquinas, a reciclaxe non será viable.
A campaña está ao dispor dos interesados na páxina web da entidade https://www.sogama.gal/es/separa-depende-de-ti
Saúdos, Departamento de Comunicación