- Co lema “Reinicia os teus hábitos. Reduce, Reutiliza e Recicla!”, instalarase nas inmediacións da Biblioteca Concepción Arenal, en horario de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:30
- Atendida por técnicos especializados, o seu obxectivo é asesorar aos estudantes e viandantes en xeral na xestión sostible dos residuos urbanos e resolver as súas dúbidas
- Os que se acheguen a este punto informativo e participen nas súas actividades, serán obsequiados con distintos merchandising
Cerceda, 23 de novembro de 2025.- Baixo o lema “Reinicia os teus hábitos. Reduce, Reutiliza e Recicla!”, Sogama pon en marcha unha campaña dirixida especialmente ao público universitario e orientada a trasladar as boas prácticas ambientais na xestión sostible dos residuos urbanos.
Unha aula itinerante atendida por técnicos especializados instalarase mañá, luns, 24 de novembro, no Campus Sur, concretamente nas inmediacións da Biblioteca Concepción Arenal, en horario de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:30 h, a fin de instruír aos estudantes e viandantes en xeral, na necesidade de previr e reducir a produción de residuos mediante un consumo consciente e responsable; de alongar a vida útil dos produtos, reutilizándoos o maior número de veces posible antes de que se convertan en refugallos; e de separar por tipoloxías os materiais contidos no lixo, depositándoos en cada un dos contedores de recollida selectiva habilitados nas vías públicas co fin de propiciar o seu posterior reciclado (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para o vidro; contedor marrón, para a materia orgánica; e xenérico -gris ou verde- para a fracción resto).
Este punto informativo estará equipado con paneis, ilustracións e pantallas a fin de que os visitantes poidan coñecer o ciclo de xestión dos residuos desde que se producen ata que se tratan e converten en recursos, ben en novas materias primas que regresan ao circuíto comercial cunha nova vida, permitindo a fabricación de novos produtos, ou ben en enerxía eléctrica, no caso da parte non reciclable, que Sogama valoriza enerxeticamente con todos os requisitos ambientais, evitando que esta fracción acabe en vertedoiro, a opción máis nociva para a contorna e a saúde pública.
Os que se acheguen á aula, tamén poderán participar en diferentes actividades e xogos, e facerse con distinto merchandising e agasallos.
A Semana Europea da Prevención de Residuos, que arrincou onte, 22 de novembro, e estenderase ata o próximo día 30, servirá tamén de escenario para o lanzamento do novo jingle de Sogama, focalizado nos máis novos a través do cal, e a ritmo de música pop-rock, anímaselles a poñer en práctica, cada día, as tres erres da sustentabilidade (redución, reutilización e reciclaxe).
Saúdos, Departamento de Comunicación