- A empresa pública xa entregou a este municipio pontevedrés 30 composteiros, a distribuír entre outras tantas vivendas que reúnan os requisitos, é dicir, que sexan unifamiliares e que dispoñan de terreo no que aplicar o abono resultante.
- Sogama proporcionou tamén ao ente local manuais didácticos para que sexan repartidos, xunto cos recipientes, entre as familias participantes.
Cerceda, a 12 de abril de 2021.- O Concello de Barro (Pontevedra) decidiu sumarse ao programa de compostaxe doméstica promovido por Sogama, ao que están adheridas 369 entidades (entre Concellos, centros educativos e colectivos sociais), tendo repartido entre as mesmas máis de 15.300 composteiros (de 390-400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables).
En concreto, a empresa pública entregou a este municipio pontevedrés 30 composteiros, que serán distribuídos entre outras tantas vivendas que cumpran cos requisitos establecidos, é dicir, que sexan unifamiliares e que dispoñan de terreo (xardín, horta ou terra de cultivo) no que aplicar o compost resultante, un aboamento natural de alta calidade para o solo e cuxas bondades van máis aló do seu carácter fertilizante, actuando mesmo como escudo protector fronte a pragas e enfermidades.
A pretensión é valorizar in situ en torno ao 42% dos residuos que conforman unha bolsa de lixo tipo, porcentaxe conformada por materia orgánica, evitando que sexa depositada no contedor verde convencional, circunstancia que permitirá minimizar a cantidade de refugallos a tratar finalmente en planta e diminuír os custos inherentes á súa xestión.
Dado que a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost constitúe unha práctica tradicional no rural galego, non supón esforzo para os usuarios. A diferenza é que agora contan cun recipiente específico que propicia unha operativa máis moderna, cómoda, hixiénica e eficiente.
Sogama proporcionou tamén ao ente local manuais didácticos para que sexan distribuídos, xunto cos composteiros, entre as familias participantes. Nos mesmos detállase a técnica a desenvolver, resólvense as dúbidas e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes.
Así mesmo, e de forma complementaria, os interesados teñen á súa disposición un sitio web www.compostaconsogama.gal no que poderán atopar toda a información sobre esta iniciativa, ademais de recursos divulgativos e lúdicos que permiten interiorizar en maior medida o modus operandi a seguir.
Saúdos, Departamento de Comunicación