- Trátase dunha plataforma dixital que se publicará nos próximos meses, dirixida a estudantes e mozos profesionais, que busca conectar ás novas xeracións coas empresas do sector e reforzar as competencias necesarias para o desenvolvemento da economía circular
- Segundo BIR, a incorporación de perfís especializados en áreas como a enxeñaría, ciencias dos materiais, finanzas, comercio, desenvolvemento empresarial, análise de datos e tecnoloxía, resulta relevante para impulsar a innovación e o crecemento das empresas
- Así mesmo, a organización prevé reforzar as súas relacións con universidades de todo o mundo para dar a coñecer as oportunidades laborais do sector entre os estudantes e facilitar a súa conexión con empresas pertencentes á súa rede internacional
Cerceda, 5 de novembro de 2026.- O Bureau of International Recycling (BIR) presentou Future Recyclists, unha iniciativa internacional destinada a atraer e reter talento novo na industria da reciclaxe, respondendo así á necesidade de incorporar novos perfís profesionais a unha industria que desempeña un papel estratéxico na recuperación de materias primas, a conservación dos recursos naturais e o desenvolvemento da economía circular.
A través desta campaña, BIR pretende mellorar o coñecemento sobre as posibilidades laborais que ofrece a reciclaxe e facilitar o contacto entre as novas xeracións e as empresas do sector.
O eixo central de Future Recyclists será unha plataforma en liña que aglutinará información sobre as distintas saídas profesionais da industria, testemuñas de mozos que xa traballan nela e recursos prácticos para orientar aos que estean interesados en desenvolver a súa carreira neste ámbito.
O portal incluirá unha base de datos de postos de traballo, guías sobre diferentes sectores da reciclaxe, preguntas frecuentes, consellos para acceder ao mercado laboral e un espazo dedicado á mentoría. Tamén ofrecerá contidos divulgativos sobre a contribución da industria á economía circular e sobre as oportunidades profesionais vinculadas á recuperación e valorización de materiais.
A web desenvolveuse en colaboración con estudantes e graduados, tanto vinculados ao sector como alleos a el. O seu deseño aposta por contidos breves, recursos visuais e elementos interactivos adaptados aos hábitos de consumo de información das xeracións máis novas.
A plataforma atópase actualmente en fase beta e está previsto que se publique nos próximos meses.
A iniciativa pretende ampliar a percepción das oportunidades laborais da reciclaxe, tradicionalmente asociadas en gran medida ás tarefas de clasificación e tratamento de residuos. Segundo BIR, a industria necesita profesionais de eidos moi diversos, como a enxeñaría, ciencias dos materiais, finanzas, comercio, desenvolvemento empresarial, análise de datos e tecnoloxía. A incorporación destes perfís resulta relevante para mellorar os procesos de recuperación de recursos, desenvolver novas solucións, aumentar o aproveitamento dos materiais reciclados e, en definitiva, impulsar a innovación e o crecemento das empresas.
Colaboración co eido universitario e empresarial
Así mesmo, BIR prevé reforzar as súas relacións con universidades de todo o mundo para dar a coñecer as oportunidades laborais do sector entre os estudantes e facilitar a súa conexión con empresas pertencentes á súa rede internacional.
A iniciativa busca así establecer vínculos entre o eido académico e a industria, axudando ás empresas a identificar posibles candidatos e a incorporar profesionais con novas capacidades. Para os membros de BIR, este achegamento pode contribuír a ampliar a base de talento dispoñible e favorecer o desenvolvemento de coñecementos especializados en diferentes áreas de actividade.
Fonte: Residuos Profesional