
- Esta plataforma pedagóxica, orientada a escolares, docentes e pais, distínguese pola súa capacidade para integrar de forma transversal a protección da contorna no currículo académico, logrando ambientalizalo
- Trátase dun recurso que, máis aló de afianzar coñecementos e transmitir valores, tamén convida á reflexión sobre a importancia do coidado do medio ambiente para o benestar das xeracións actuais e futuras
Cerceda, a 9 de setembro de 2025.- A plataforma educativa de Sogama “Caderno Verde” continúa a gañar seguidores e consolídase como un recurso prioritario na estratexia de educación ambiental desta empresa pública, con máis de 322.000 visitas e preto de 1.800.000 páxinas vistas.
A diferenza doutras ferramentas didácticas, www.cadernoverde.gal distínguese pola súa capacidade para integrar a protección da contorna de forma transversal nas distintas materias obxecto de estudo en infantil, primaria e secundaria. A súa utilidade estriba fundamentalmente en lograr ambientalizar o currículo académico, abordando o estudo de disciplinas tales como matemáticas, lingua española, lingua galega, inglés, coñecemento do medio e educación artística con relatos, actividades interactivas, exercicios e xogos centrados na xestión sostible dos residuos, a protección da natureza, as enerxías renovables e a loita contra o cambio climático, entre outras temáticas.
Con contidos adaptados a cada franxa de idade, constitúe unha plataforma de gran utilidade para docentes, pais e alumnos, xa que, non só axuda a afianzar coñecementos académicos, senón que convida á reflexión sobre a importancia que ten o coidado do medio ambiente para o benestar e calidade de vida das xeracións actuais e futuras.
Para lograr os seus obxectivos, Caderno Verde conta con interesantes e simpáticos colaboradores: a familia Trebón (protagonistas de distintos ecocontos), os amigos e amigas de Vilaverde, e outros moitos espontáneos que axudan a pequenos e maiores a tomar conciencia sobre a importancia que ten o compromiso co coidado do medio ambiente e as persoas, traballando ao mesmo tempo en valores tan importantes como a empatía, o compañeirismo, a xenerosidade, a solidariedade, a amizade, a colaboración e o traballo ben feito, entre outros.
En breve, Caderno Verde abordará unha nova edición na que seguirá a traballar con esta filosofía, poñendo o foco na práctica diaria do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Saúdos, Departamento de Comunicación