- Segundo os últimos datos de Eurostat, estivo impulsada principalmente pola eólica, a hidráulica e o forte crecemento da solar
- A valorización enerxética dos residuos non reciclables tamén é unha fonte renovable nun 50%
Cerceda, 16 de xaneiro de 2026.- En 2024, as enerxías renovables representaron o 47,5% do consumo bruto de electricidade na Unión Europea, o que supón un aumento de 2,1 puntos porcentuais respecto de 2023. A cifra confirma unha tendencia de crecemento sostido que case triplicou a cota renovable desde 2004, cando se situaba no 15,9%.
A evolución ao longo das dúas últimas décadas reflicte unha aceleración significativa do despregamento de fontes limpas: en 2014, a proporción xa alcanzara o 28,6%, antes de dar un salto notable ata o nivel actual. Este avance enmárcase nos obxectivos climáticos e enerxéticos da UE, orientados a reducir as emisións e a dependencia de combustibles fósiles.
Por tecnoloxías, a enerxía eólica foi a principal fonte renovable de electricidade en 2024, co 38% do total xerado, seguida da hidráulica, que achegou o 26,4%. A solar ocupou o terceiro lugar cun 23,4%, mentres que os biocombustibles sólidos e outras fontes renovables representaron o 5,8% e o 6,4%, respectivamente.
A enerxía solar, con todo, destaca como a fonte de maior crecemento: pasou de apenas o 1% da xeración renovable en 2008 a producir 304 teravatios hora (TWh) en 2024, fronte aos 7,4 TWh rexistrados dezaseis anos antes.
Os datos mostran diferenzas significativas entre Estados membros. Austria (90,1%), Suecia (88,1%) e Dinamarca (79,7%) encabezaron a clasificación, con máis do 75% da súa electricidade procedente de fontes renovables, apoiadas principalmente na hidráulica e a eólica. Tamén superaron o limiar dos 50% países como Portugal (65,8%), España (59,7%), Croacia (58,0%), Letonia (55,5%), Finlandia (54,3%), Alemaña (54,1%), Grecia (51,2%) e Países Baixos (50,5%).
No extremo oposto, a cota de electricidade renovable foi inferior ao 25% en Malta (10,7%), Chequia (17,9%), Luxemburgo (20,5%), Hungría e Chipre (24,1% en ambos os casos) e Eslovaquia (24,9%). Estas diferenzas reflicten tanto as condicións xeográficas coma o grao de desenvolvemento das infraestruturas enerxéticas e as políticas nacionais de transición enerxética.
O aumento do peso das renovables no mix eléctrico europeo ten implicacións directas para a descarbonización da economía e para sectores como a xestión de residuos, especialmente no relativo ao aproveitamento enerxético e a integración de sistemas máis circulares e sostibles.
Cómptr lembrar que a valorización enerxética dos residuos non reciclables tamén é unha de enerxía renovable nun 50%.
Fonte: Eurostat