Idiomas

A CE pide que a sustentabilidade ambiental ocupe un lugar destacado nos sistemas educativos

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • O obxectivo é proporcionar ao alumnado coñecementos e capacidades sobre sustentabilidade, cambio climático e medio ambiente
  • Nunha enquisa do Eurobarómetro na que se preguntou cales deberían ser as principais prioridades da UE nos próximos anos, os mozos puxeron, en primeiro lugar, a protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático (67 %), seguida da mellora da educación e a formación (56 %).

Cerceda, a 20 de xaneiro de 2022.- Recentemente, a Comisión Europea publicou unha proposta de Recomendación do Consello relativa á aprendizaxe para a sustentabilidade ambiental coa pretensión de axudar aos Estados membros, os colexios e institutos, as institucións de educación superior, as organizacións non gobernamentais e a todos aqueles que ofrecen formación, a proporcionar ao alumnado coñecementos e capacidades sobre sustentabilidade, cambio climático e medio ambiente.

Así mesmo, deuse a coñecer un novo marco europeo de competencias que publicou o Centro Común de Investigación, no que se describen as competencias necesarias para a transición ecolóxica, como son o pensamento crítico, a toma de iniciativas, o respecto da natureza e a comprensión do impacto que teñen as accións e decisións cotiás no medio ambiente e no clima do mundo enteiro.

A proposta da Comisión insta aos Estados membros a:

•          Posibilitar que os alumnos de todas as idades gocen dunha educación e formación inclusivas e de alta calidade sobre o cambio climático, a biodiversidade e a sustentabilidade;
•          Dar prioridade á adquisición de coñecementos sobre a sustentabilidade ambiental nas políticas e os programas de educación e formación para axudar a este sector e permitir que contribúa á transición ecolóxica;
•          Adoptar e apoiar enfoques de sustentabilidade en todos os ámbitos das institucións educativas que cubran o ensino e a aprendizaxe, e que contribúan a desenvolver visións, planificación e  gobernanza con tinguiduras de sustentabilidade; integren a participación activa dos estudantes e do persoal neste ámbito; que fagan da sustentabilidade parte da xestión dos edificios e os recursos, e que activen asociacións con comunidades locais e máis amplas a este respecto;
•          Mobilizar fondos nacionais e da UE para o investimento en infraestruturas, formación, ferramentas e recursos sostibles e ecolóxicos, con vistas a que a educación e a formación sexan máis  resilientes e estean listas para a transición ecolóxica.

Nunha enquisa do Eurobarómetro sobre as prioridades da UE nos próximos anos, os mozos puxeron, en primeiro lugar, a protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático (67 %), seguida da mellora da educación e a formación (56 %).

O programa Erasmus+ 2021-2027 tamén fai especial fincapé na transición ecolóxica na educación e a formación.  Este ano darase prioridade aos proxectos dos centros educativos que desenvolvan competencias e capacidades ecolóxicas, e que ofrezan plans de estudos orientados ao futuro e enfoques planificados de sustentabilidade.

A Comisión tamén ofrecerá oportunidades de formación e comunidades de prácticas aos educadores a través do portal School  Education  Gateway e da comunidade  eTwinning.

MARCO DE REFERENCIA

Para preparar a proposta, a Comisión realizou varias consultas sobre a situación actual respecto das posibilidades que poderían ofrecerse na UE de aprender sobre cuestións de sustentabilidade ambiental. Así, nunha enquisa pública que tivo lugar entre xuño e setembro de 2021, recibíronse máis de 1 300 respostas e 95 documentos de posición.

O 71 % dos enquisados clasificou a educación e a formación como o sector máis importante para sensibilizar sobre sustentabilidade e medio ambiente, por diante dos organismos públicos e as administracións (56 %), e os medios de comunicación (34 %).

Á hora de actuar, considerouse prioritario proporcionar aos profesores,  formadores, líderes xuvenís e persoal académico posibilidades de desenvolvemento profesional de calidade na materia, ademais de facer da sustentabilidade unha cuestión transversal nos plans e os programas de estudos.

Fonte: Comisión Europea

20 Xan 2022

Galería