- Artigo do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, con motivo da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente e a campaña que a Sociedade vén de lanzar para desmontar mitos en torno á reciclaxe
Cerceda, 5 de xuño de 2026.- Cantas veces temos escoitado na nosa contorna máis inmediata esa frase, preocupantemente asentada, de “para que vou separar se logo o mesturan todo”; unha afirmación que tanto dano fai a todos aqueles que cada día traballan por unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos, aos que se resisten a crer que o sistema poida permitir algo así, aos que, malia as dúbidas, manteñen a fe no bo facer do servizo público, e aos que aínda seguen a confiar en que esas falsas crenzas acaben desmontándose ante a evidencia, máis que contrastada, de que separar os residuos en orixe e depositalos nos contedores correctos, si ten un retorno positivo no medio ambiente, a economía, o emprego e a sociedade no seu conxunto.
Que poidera haber unha mala práctica puntual por parte dun concello ou dunha empresa de recollida de residuos, non significa que deba castigarse ao sistema coa inacción, a falta de interese ou a apatía cara á reciclaxe, esencial na loita contra o cambio climático a través do aforro de enerxía e materias primas virxes.
Tendo en conta este escenario, desde Sogama quixemos desmontar algúns mitos, bulos e desinformacións que non benefician a ninguén, pero si prexudican a todos, mesmo aos que contribúen á súa difusión.
Separar os residuos non require un gran esforzo, tan só organización e un mínimo de sensibilidade. Levalos ao seu contedor, non implica perda de tempo, senón que constitúe unha mostra de responsabilidade; que un camión recolla dúas fraccións de refugallos á vez, non significa que as mesture, senón que dispón de compartimentos diferenciados e facelo así permite ao ente local optimizar roteiros e aforrar custos; que non se teña instaurado aínda un sistema de gratificación individual pola participación na reciclaxe, non significa que non obteñamos beneficios, xa que un medio ambiente máis limpo e saudable é a mellor recompensa; e que participemos na reciclaxe, non implica que outros se lucren á nosa costa. O tratamento industrial dos residuos para convertelos en novos recursos require infraestruturas, tecnoloxía, loxística, traballadores, e, polo tanto, require investimentos. Con frecuencia compramos cousas innecesarias, subscribímonos a canles en liña que case non vemos ou adquirimos dispositivos electrónicos de última xeración con funcionalidades que non precisamos, pero non nos cuestionamos se con ese xesto estamos a enriquecer a determinadas empresas á vez que baleiramos o noso peto.
Hoxe, máis que nunca, a xestión dos residuos debe ser intelixente, consecuente e con visión de futuro. Non colaborar na mesma constitúe toda unha mostra de irresponsabilidade e insolidariedade.
Presidente
Javier Domínguez Lino