
- As temáticas a abordar centraranse en sectores que se atopan nun permanente estado de innovación, como é o caso da enerxía, a industria e a dixitalización, e que resultan claves para o progreso, o crecemento, a creación de emprego e, moi especialmente, para a transición cara a unha verdadeira economía circular
- Trátase dunha cita imprescindible para quen impulsa a transición enerxética desde Galicia e o noroeste peninsular, ademais de punto de encontro co que propiciar a interacción entre os distintos actores
Cerceda, a 29 de xullo de 2025.- Logo do éxito colleitado na primeira edición de “Energy Days”, o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL) avanza na organización da que será a segunda edición deste evento, e que terá lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela entre os días 8 e 10 do próximo mes de outubro.
Tres xornadas nas que as temáticas a abordar, a través de relatorios de alto nivel, centraranse en sectores que se atopan nun permanente estado de innovación, isto é, enerxía, industria e dixitalización, e que resultan claves para o progreso, o crecemento, a creación de emprego e a evolución cara a unha verdadeira economía circular.
Habida conta de que a transición enerxética e a transformación dixital están a mudar a nosa sociedade e a nosa industria, e, de forma inexorable, inciden sobre a estratexia e operativa de fabricantes, enxeñerías e empresas de servizos, Energy Days 2025 quere configurarse como punto de encontro co que propiciar a interacción entre os distintos actores.
CLUERGAL traballa así nun ambicioso programa de relatorios de alto nivel e zona de exposicións co que quere mostrar as mellores solucións, sen esquecer o imprescindible compoñente de networking, orientado ao intercambio de coñecementos e ideas, así como á creación de sinerxías.
Esbozo do programa provisional
De acordo co programa provisional, o 8 de outubro porase o foco na transición enerxética, as enerxías renovables e o almacenamento enerxético, así como na eficiencia enerxética da industria, e todo isto aderezado co IV Foro de formación e emprego no sector enerxético.
O día 9 cobrarán protagonismo a sostibilidade e a mobilidade, co acento posto nas Smart Cities, a eficiencia enerxética en edificios, a dixitalización de redes, data centers, intelixencia artificial e ciberseguridade.
E xa o 10, e último día do evento, circunscribirase ao sector eólico e a súa repotenciación, incorporando unha sesión sobre fabricación de superestruturas eólicas.
Energy Days 2025 configúrase así como cita imprescindible para quen impulsa a transición enerxética desde Galicia e o noroeste peninsular.
Toda a información en www.energydays.es
Saúdos, Departamento de Comunicación