- Iniciadas o pasado 14 de agosto, refírense tamén ás condicións para importar materiais reciclados destinados a utilizarse en envases, así como aos criterios de sostibilidade aplicables ás tecnoloxías de reciclaxe de plásticos
Cerceda, 8 de setembro de 2026.- A Comisión Europea abriu o pasado 14 de agosto tres consultas que contribuirán a definir parte das normas de desenvolvemento do Regulamento de Envases e Residuos de Envases (PPWR). Abordan o cálculo e verificación do contido reciclado nos envases de plástico, as condicións para importar materiais reciclados destinados a utilizarse en envases e os criterios de sostibilidade aplicables ás tecnoloxías de reciclaxe de plásticos.
Respecto da primeira consulta, a Comisión considera necesario dispoñer de métodos coherentes que permitan determinar e comprobar as declaracións sobre contido reciclado do mesmo xeito, e coa mesma metodoloxía, nos distintos Estados membro.
A segunda aborda as condicións baixo as cales os materiais reciclados importados na Unión Europea poderán utilizarse posteriormente en envases. O obxectivo é determinar como deberán integrarse estes materiais no marco establecido polo PPWR, incluíndo aspectos relacionados co seu recoñecemento dentro da Unión, a rastrexabilidade e os requisitos asociados á súa calidade e procedencia.
A terceira refírese os criterios de sostibilidade das tecnoloxías de reciclaxe de plásticos, que deberán servir para avaliar como contribúen os diferentes procesos de reciclaxe á circularidade e ao comportamento ambiental dos materiais obtidos.
As tres liñas de traballo están relacionadas entre si, xa que determinarán como se acredita, recoñece e comunica o contido reciclado no mercado europeo e que condicións deberán cumprir os materiais e procesos utilizados para alcanzalo.
As tres consultas permanecerán abertas ata este venres, 11 de setembro.
O proceso enmárcase na aplicación do PPWR, cuxas disposicións xerais comezaron a aplicarse o 12 de agosto de 2026.
Fonte: Gestores de Residuos