
- O plan proporciona unha listaxe de produtos que, dado o seu potencial para impulsar a economía circular, deberían priorizarse para introducir requisitos de ecodeseño e etiquetaxe enerxética durante o próximos cinco anos
- É o caso do aceiro e o aluminio, os téxtiles (con especial atención á confección), os mobles, os pneumáticos e os colchóns
Cerceda, a 21 de abril de 2025.- En días pasados, a Comisión Europea adoptou o plan de traballo 2025-2030 para o Regulamento sobre deseño ecolóxico de produtos sostibles (REPS) e o Regulamento sobre etiquetaxe enerxética.
O plan proporciona unha listaxe de produtos que, dado o seu potencial para impulsar a economía circular, deberían priorizarse para introducir requisitos de ecodeseño e etiquetaxe enerxética durante o próximos cinco anos. É o caso do aceiro e o aluminio, os téxtiles (con especial atención á confección), os mobles, os pneumáticos e os colchóns. Con isto fomentarase o uso, en toda Europa, de produtos sostibles, reparables, circulares e enerxeticamente eficientes, en consonancia co Pacto Industrial Limpo e a Brúxula de Competitividade .
Estes requisitos harmonizados reforzarán o mercado único na UE, evitarán barreiras ao comercio, mellorarán a igualdade de condicións, reducirán a carga administrativa e fortalecerán a competitividade global das empresas que ofrecen produtos sostibles.
Ademais, a Comisión introducirá medidas horizontais para os requisitos de reparabilidade de artigo como a electrónica de consumo e os pequenos electrodomésticos. Isto incluirá a introdución dunha puntuación de reparabilidade para os de maior potencial e requisitos de reciclabilidade dos equipos eléctricos e electrónicos.
A selección dos produtos incluídos no presente plan de traballo é froito dun proceso inclusivo coas partes interesadas e reflicte, tanto as achegas destas como as dos Estados membros. Baséase, polo tanto, nunha exhaustiva análise técnica e en criterios relacionados cos obxectivos da UE en materia de clima, medio ambiente e eficiencia enerxética, así como nun amplo proceso de consulta, que inclúe o Foro de Ecodeseño.
Os futuros requisitos de ecodeseño e etiquetaxe enerxética estableceranse mediante actos delegados, produto por produto ou para grupos de produtos similares, e cubrirán dous elementos:
- Rendemento do produto, como durabilidade mínima, eficiencia enerxética e de recursos, dispoñibilidade de pezas de reposto ou contido reciclado mínimo;
- E/ou información do produto, incluíndo características clave, como a súa pegada de carbono e ambiental. Esta información facilitarase principalmente a través do Pasaporte Dixital de Produto ou, para produtos con etiquetas enerxéticas, a través do Rexistro Europeo de Produtos para a Etiquetaxe Enerxética (EPREL).
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Freepik