- Un paso importante é a Lei de Economía Circular, cuxa adopción está prevista para finais de 2026, sendo o seu obxectivo contribuír a establecer un mercado único para os materiais reciclados, mellorando a súa oferta e demanda dentro da UE
Cerceda, 26 de decembro de 2025.-En días pasados, a Comisión Europea presentou un primeiro conxunto de medidas piloto para acelerar a transición de Europa cara a unha economía circular, con especial atención á reciclaxe dos plásticos, un sector que se enfronta a presións cada vez maiores: mercados fragmentados para os materiais reciclados, altos custos enerxéticos, prezos volátiles do plástico virxe e competencia desleal de terceiros países, que están a ocasionar perdas financeiras para os recicladores da UE, ameazando os obxectivos europeos de circularidade e a competitividade industrial.
Conforme aos datos do Centro Común de Investigación da CE, as solucións circulares para a reciclaxe de plásticos poden reducir as súas emisións nun 45%, descarbonizar o uso da enerxía e mellorar a balanza comercial en 18.000 millóns de euros ao ano para 2050.
Como parte do paquete de medidas, a Comisión presenta un acto de execución orientado a crear criterios de fin da condición de residuo para os plásticos a escala da UE, sendo este un paso crave para avanzar cara ao mercado único de plásticos reciclados, simplificar os procedementos administrativos para as empresas de reciclaxe e garantir unha subministración estable de materiais reciclados de alta calidade en toda Europa.
Cooperación, investimento e innovación
A Comisión tamén ten previsto relanzar e reforzar a Alianza Circular do Plástico, consolidándoa como unha plataforma estruturada e inclusiva para a cooperación en toda a cadea de valor do plástico, na que as partes interesadas da industria, os Estados membros e a CE poidan identificar conxuntamente as prioridades comúns e abordar os retos crave que afectan á competitividade e a circularidade do sector.
Así mesmo, intensificará o apoio aos proxectos circulares, aproveitando a colaboración cos bancos nacionais e o Banco Europeo de Investimentos. Apoiará aos centros transrexionais de circularidade mediante a creación dunha ferramenta piloto de coordinación da competitividade (CCT) orientada a ampliar a reciclaxe e as prácticas circulares.
Ademais, puxo en marcha unha consulta pública e unha convocatoria de presentación de probas para avaliar a Directiva sobre plásticos dun só uso (SUPD). Trátase do primeiro paso para examinar en que medida a Directiva reduciu o impacto de determinados produtos plásticos no medio mariño e na saúde humana, e promoveu unha economía circular, innovadora e sostible. A consulta e a convocatoria de presentación de probas están abertas a todas as partes interesadas ata o 17 de marzo de 2026.
Lei de economía circular
Europa necesita acelerar a súa transición cara a unha economía circular. O uso racional dos recursos naturais limitados é esencial para mellorar a seguridade económica, a competitividade e a redución das emisións de carbono.
Aínda que a UE é líder en políticas de circularidade, os avances foron lentos. En 2024, o 12,2 % dos materiais utilizados na UE procedían de materiais reciclados, o que supón un modesto aumento con respecto ao 11,2 % de 2015. Para alcanzar os obxectivos establecidos na lexislación da UE, así como na Brúxula da Competitividade, o Pacto Industrial Limpo e o plan de acción REsourceEU, Europa debe eliminar os obstáculos ás prácticas circulares.
A UE aspira a ser líder mundial en economía circular para 2030 e un paso importante é a Lei de Economía Circular, cuxa adopción está prevista para finais de 2026, sendo o seu obxectivo establecer un mercado único para os materiais reciclados, mellorando a súa oferta e demanda dentro da UE.
Fonte: Comisión Europea