
- Sogama subministrou ao ente local 50 novos composteiros que, sumados a anteriores partidas, fan un total de 225 os fogares ordenses que dispoñen deste tipo de recipientes, cuxa función é facer máis eficiente, cómodo e hixiénico o proceso de autocompostaxe da materia orgánica.
- Dado que os restos orgánicos representan o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se se recupera en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, diminuíndo as cantidades de residuos transportadas a Sogama para o seu tratamento final.
Cerceda, a 24 de marzo de 2021.- Sogama subministrou ao Concello de Ordes (A Coruña) 50 novos composteiros co fin de que sexan repartidos entre outras tantas familias interesadas en valorizar a materia orgánica in situ e convertela en compost de calidade.
Con capacidade para 390 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, e a súa función é facer máis eficiente, cómodo e hixiénico o proceso de autocompostaxe.
Con esta partida, xa son 225 os fogares ordenses que dispoñen este tipo de recipientes. Estes deben colocarse no exterior, en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, e nunha zona protexida.
Os restos orgánicos introdúcense pola parte superior do composteiro e o usuario debe encargarse de controlar parámetros de gran importancia como son o osíxeno, a temperatura e a humidade. Unha vez transcorrido o tempo de maduración, o compost extráese pola parte inferior.
A fin de que se complete o ciclo de reciclaxe da materia orgánica, as vivendas deben ser unifamiliares e dispor de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o abono, que regresa ao solo en forma de nutriente, cumprindo con todos os requisitos impostos pola normativa vixente para ser utilizado con garantías na agricultura e xardinería.
Dado que a materia orgánica representa o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se se recupera en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, diminuíndo as cantidades de residuos transportadas a Sogama para o seu tratamento final.
Os interesados poden obter toda a información sobre este programa en www.compostaconsogama.gal, onde tamén atoparán recursos didácticos e divulgativos de utilidade tales como manuais, vídeos e xogos.
Saúdos, Departamento de Comunicación