
- Terá lugar os próximos días 23 e 24 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela
- Este evento configúrase como cita ineludible na que representantes do sector empresarial, o coñecemento e as administracións públicas terán a oportunidade de crear oportunidades de negocio e establecer alianzas estratéxicas
- Ademais de relatorios inspiradores e mesas redondas, contará tamén cunha zona expositiva na que se darán a coñecer solucións ambientais innovadoras, espazos de networking e side events, así como unha área específica para startups ambientais
Cerceda, 20 de outubro de 2025.- Os próximos días 23 e 24 de outubro, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acollerá o Atlantic Green Hub, un encontro pioneiro que, impulsado polos clústeres ambientais de Galicia (Viratec) e Euskadi (Aclima), está orientado a acelerar a transición ecolóxica dos distintos sectores económicos e impulsar a súa competitividade.
Configúrase como cita ineludible na que representantes do sector empresarial, o coñecemento e as administracións públicas terán a oportunidade de crear oportunidades de negocio, establecer alianzas estratéxicas e compartir solucións en torno ao sector ambiental, clave na transición que Europa xa iniciou cara á economía circular.
Dirixido especialmente a institucións, empresas e organizacións de todos os sectores que buscan avanzar cara a modelos de xestión máis sostibles, circulares e competitivos, o evento pretende servir de escenario para conectar as solucións ambientais coas necesidades estratéxicas do resto de sectores económicos.
Ademais de relatorios inspiradores e mesas redondas nas que expertos farán as súas achegas, contará tamén cunha zona expositiva na que se darán a coñecer solucións ambientais innovadoras, espazos de networking e side events, así coma unha área específica para startups ambientais
A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través da seguinte ligazón: https://www.atlanticgreenhub.com/atlantic/es/green-hub#registro
Programa con vocación plural, transversal e inspiradora
O 23 de outubro, e logo da inauguración da zona de stands, terá lugar unha mesa redonda que, baixo o título “Retos e oportunidades sectoriais para os Clústeres do Eixo Atlántico”, estará moderada pola directora xeral do Igape, Covadonga Toca, contando coa participación dos CEO e xerentes do Clúster da Alimentación de Galicia, Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, Clúster do Papel de Euskadi e Clúster Industria da Construción, Galicia Constrúe.
Acto seguido celebrarase o acto de apertura institucional, que contará coa presenza da presidenta de Viratec, Josefa de León; o presidente de Aclima, Basque Environmet Clúster, Xabier Caño; o viceconselleiro de Medio Ambiente do Departamento de Industria, Transición Enerxética e Sostibilidade do Gobierno Vasco, Josu Bilbao Begoña; e a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana.
Na segunda parte da mañá, Lara Lázaro Touza, investigadora principal no Real Instituto Elcano, pronunciará unha conferencia sobre a xeopolítica e a gobernanza da acción climática nun contexto de confrontación, á que seguirán espazos de compartir (Side Event), que terán continuidade o seguinte día, e reunións de networking.
A xornada do 24 estará protagonizada por unha mesa redonda moderada pola directora xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Marta Gómez Palenque, na que intervirán o viceconselleiro de Medio Ambiente do Gobierno Vasco, Josu Bilbao Begoña; a subdirectora xeral de Cambio Climático e Ordenación do Litoral da Xunta de Galicia, Teresa Bernal; e un representante da Dirección Xeral de Medio ambiente e Cambio Climático do Goberno de Cantabria, Alberto Quijano Alonso.
Odile Rodríguez de la Fuente, conferenciante e experta en sostibilidade, será a encargada de amenizar a sesión cun relatorio inspiracional.
O peche institucional do encontro virá da man do vicepresidente de Viratec, José Ramón Vázquez, e do vicepresidente de Aclima, Basque Enviroment Clúster, Asier Ochoa de Eribe.
Toda a información en https://www.atlanticgreenhub.com/atlantic/es/green-hub