
- Adxudicado por case 120.000 euros, terá unha duración de dous anos
- O obxectivo da empresa pública é dar unha segunda vida ao material procedente das escouras resultantes do proceso de valorización enerxética que se fai en Cerceda, no marco do seu compromiso coa reciclaxe e o impulso á economía circular
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2025.- A Xunta, a través da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), acaba de adxudicar por case 120.000 euros a contratación dun estudo sobre o uso, a escala real, de mesturas de áridos das escouras resultantes do proceso de valorización enerxética de residuos non reciclables así como de áridos naturais para a súa posterior aplicación como capas de saburra en firmes de estradas.
Con este contrato, cun prazo de execución de dous anos, a empresa pública pretende validar a idoneidade desta mestura e avanzar así na consecución da condición de fin de residuo para este tipo de material, dando lugar a un produto con posteriores aplicacións no eido da obra civil.
Os traballos a realizar contemplan a caracterización dos áridos e a separación de elementos impropios nunha planta de valorización externa. A mestura obtida (áridos de escoura e naturais) será madurada nas instalacións do Complexo Medioambiental de Sogama, en Cerceda, durante 3 meses.
Cómpre lembrar que as escouras son refugallos non perigosos que non combustionan (cerámicas, terras, obxectos metálicos, etc) e que Sogama dispón actualmente nun depósito controlado.
No seu firme compromiso coa reciclaxe e a conversión de residuos en recursos, a compañía quere dar unha segunda vida aos áridos das escouras, especialmente en sectores cun gran consumo enerxético e de recursos naturais, contribuíndo a limitar deste xeito a extracción dos mesmos.
O contrato terá unha duración de dous anos e prevé unha posible prórroga por outro máis para finalizar aqueles traballos que se demoren por causas alleas ao adxudicatario.
Fonte: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático