- O seu obxectivo é converter os compromisos existentes en proxectos tanxibles
- Na axenda hai máis de 160 puntos de negociación co foco posto en triplicar a enerxía renovable, mobilizar fondos e reforzar a adaptación, especialmente ante o fenómeno do Neno, que ameaza con empeorar os eventos meteorolóxicos extremos
- O financiamento continúa a ser o gran escollo, coa particularidade de que o custo do cambio climático para a saúde humana será un dos temas que centrarán a atención do cume
Cerceda, 9 de novembro de 2026.-A Conferencia sobre o Clima da ONU, a COP31, arrincou hoxe en Antalya, Turquía, cunha mensaxe clara: hai que redobrar as solucións. Simon Stiell, secretario executivo de ONU Cambio Climático, pediu aos países que transformen os compromisos en proxectos financiables.
A diferenza dos cumes dominados por un único acordo histórico, a COP31 céntrase en converter os compromisos existentes en proxectos tanxibles
Case 200 países participan neste evento climático cunha ambición diferente: menos declaracións e máis decisións. Na axenda hai máis de 160 puntos de negociación co foco posto en triplicar a enerxía renovable, mobilizar fondos e reforzar a adaptación, especialmente ante o fenómeno do Neno, que ameaza con empeorar os eventos meteorolóxicos extremos. De feito, un novo informe do Fondo Internacional para o Desenvolvemento Agrícola (FIDA) advirte de que este fenómeno podería custar ata 11 billóns de dólares á economía mundial nos próximos cinco ou seis anos.
O financiamento continúa a ser o escollo: Os países en desenvolvemento presionan para acceder máis rápido ao financiamento climático, mentres a enerxía limpa, a adaptación e a transición xusta encabezan a axenda.
Saúde
Tamén o crecente custo do cambio climático para a saúde humana centrará a atención do cume, xa que a calor extrema, as inundacións e os patróns meteorolóxicos cambiantes xa están a poñer en risco vidas e sobrecargando os sistemas sanitarios de todo o mundo.
A través dunha iniciativa conxunta coa OMS, a información climática está a incorporarse á planificación da saúde pública. Un prognóstico de temperaturas perigosamente altas, por exemplo, pode axudar aos hospitais a prepararse para recibir máis pacientes, mentres que as predicións de choivas e estacionais poden axudar ás autoridades sanitarias a anticipar brotes de enfermidades como a malaria.
Alimentación e agricultura
A alimentación e a agricultura representan aproximadamente un terzo das emisións globais de gases de efecto invernadoiro, pero o sector tamén é moi vulnerable ao cambio climático, xa que o aumento das temperaturas, as secas e as inundacións ameazan as colleitas e os medios de vida de millóns de agricultores. Non obstante, a agricultura tamén pode formar parte da solución. Cristian Barrasueta, do Foro Rural Mundial, dixo a Noticias ONU que os agricultores xa están a poñer en práctica algúns destes enfoques.
Para Barrasueta, a prioridade é garantir que os agricultores familiares teñan voz na configuración das políticas climáticas e poidan acceder ao financiamento necesario para adaptarse. Actualmente, tal e como explicou, os procedementos complicados e os múltiples intermediarios fan que o financiamento climático internacional sexa difícil de alcanzar, especialmente para as pequenas organizacións agrícolas.
O cume concluirá o próximo 20 de novembro
Fonte e imaxe: ONU