- A través dunha entrevista, Paula Uría móstrase convencida de que o potencial de Galicia en enerxías renovables, xunto co compromiso do tecido empresarial e unha sociedade cada vez máis sensibilizada, permitirá á nosa comunidade avanzar cara a unha economía baixa en carbono que, ao mesmo tempo, xere emprego, innovación e oportunidades para o territorio
Cerceda, 13 de outubro de 2026.- Paula Uría, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Xunta de Galicia, protagoniza o boletín informativo de Sogama do presente mes de outubro cunha interesante entrevista na que dá a coñecer a estratexia do goberno galego na loita contra o cambio climático, centrada en reducir os gases de efecto invernadoiro, acelerar a mitigación dos seus efectos, adaptarse ao novo escenario e protexer os recursos naturais.
Uría móstrase convencida de que o potencial de Galicia en enerxías renovables, xunto co compromiso do tecido empresarial e unha sociedade cada vez máis sensibilizada, permitirá á nosa comunidade avanzar cara a unha economía baixa en carbono que, ao mesmo tempo, xere emprego, innovación e oportunidades para o territorio.
Canon reducido 2025: aforro económico para 210 concellos
Na sección de noticias máis estreitamente vinculadas a Sogama, o boletín alude, entre outras, ao aforro económico, superior a 7,6 millóns de euros, logrado polos 210 concellos que se acolleron no seu momento ao canon reducido aplicado por esta empresa pública durante o ano 2025 (95 €/Tn fronte aos 210 €/Tn do canon xenérico) e que cumpriron os requisitos inherentes ao mesmo: reducir en, alomenos un 1% a produción de residuos respecto do ano anterior ou incrementar nun 3% as achegas á bolsa amarela ou á recollida separada de materia orgánica a través do contedor marrón.
A Xunta de Galicia compensou os menores ingresos derivados desta medida cunha achega de 10 millóns de euros a Sogama.
Compostaxe industrial e máis reciclaxe
Outra das novidades salientables foi a adxudicación, por 3.436.684 euros (IVE incluído) e un período de 3 anos, da xestión integral das plantas públicas de biorresiduos de Cervo (Lugo), Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Verín (Ourense), encargándose a empresa contratista, non só da operación, mantemento e limpeza das instalacións, senón tamén da distribución e comercialización do compost obtido a partir da materia orgánica recollida nos contedores marróns.
A recuperación de materiais reciclables contidos no lixo en masa foi outro dos asuntos relevantes ao formalizarse un novo contrato para retirar e valorizar o vidro presente na fracción de rexeitamento da bolsa negra, prevendo a recuperación de 5.000 toneladas anuais.
Ao respecto, Sogama recorda que os envases de vidro deben depositarse nos iglús verdes e que a súa presenza na bolsa negra incrementa o peso dos residuos que os concellos entregan nas instalacións da Sociedade e, por tanto, o importe que deben abonar pola súa xestión. A correcta separación en orixe permite aos municipios reducir esa factura e, ao mesmo tempo, obter ingresos a través das entidades encargadas da reciclaxe.
Abundando na dixitalización
Así mesmo, a dixitalización da xestión dos residuos, ámbito no que a Sociedade Galega do Medio Ambiente está a traballar intensamente, constituíu a temática central de dous webinars (un enmarcado no Proxecto Gresint e outro promovido por Dihgigal) nos que participou e nos que dou a coñecer os pormenores do seu plan de transformación dixital, orientado a mellorar a xestión dos residuos, gañar en eficiencia e transparencia, e aforrar tempo. Un plan que tamén foi presentado polo presidente da compañía, Javier Domínguez, en Pontevedra, durante o II Congreso de Cidades Intelixentes e Economía Circular, e en Santiago, con motivo do lanzamento do proxecto Corredor Atlántico Noroeste, onde falou do importante papel que o ferrocarril desempeña no modelo Sogama ao concentrar o 55% do transporte dos residuos tratados no Complexo Medioambiental de Cerceda.
Saúdos, Departamento de Comunicación