- Serán subministrados por Sogama e entregados polo Concello a outras tantas familias co fin de que poidan converter en compost os seus restos orgánicos
- A empresa pública púxose ao dispor do ente local para impartir un curso de formación presencial orientado aos veciños participantes nesta iniciativa, que terá lugar a finais do presente mes de xaneiro
Cerceda, 8 de xaneiro de 2026.- O Concello de Dodro (A Coruña) amplía o seu programa local de compostaxe doméstica con 30 composteiros subministrados por Sogama, que entregará a outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo a fin de que poidan autoxestionar a súa materia orgánica en orixe.
Esta nova partida de recipientes, con capacidade para 400 litros, e que irá acompañada do mesmo número de cubos marróns domiciliarios de 10 litros, súmase a outras anteriores achegadas por Sogama, facendo un total de 90 os composteiros enviados a Dodro.
A compañía tamén remitiu a este municipio manuais didácticos de autocompostaxe para distribuír entre as familias que participan nesta iniciativa, á vez que se puxo ao dispor do ente local para impartir un curso de formación presencial, que terá lugar o próximo 23 de xaneiro, ás 19:00 horas. Un técnico explicará aos usuarios a operativa para obter un compost de alta calidade e detallará os pasos a seguir: desde o lugar e contorna idónea para a localización do composteiro ata a identificación dos materiais que deben, e non deben, depositarse no mesmo, así como a vixilancia e o seguimento de parámetros que influirán en boa medida no resultado final, como é o caso do osíxeno, a temperatura e a humidade.
Ademais de trasladar as súas observacións, os asistentes terán a oportunidade de consultar as súas dúbidas, e non só respecto ao tratamento dos residuos orgánicos, senón tamén en relación á xestión doutras fraccións de residuos tales coma os envases lixeiros introducidos nos contedores amarelos ou os refugallos non reciclables, a depositar nos contedores xenéricos.
Tendo en conta que preto do 40% da composición media dunha bolsa de lixo doméstica tipo está conformada por restos orgánicos, se se xestiona esta parte no propio fogar e se efectúa unha correcta recollida selectiva do resto de materiais para propiciar o seu posterior reciclado, minorarase a cantidade de residuos a remitir a Sogama para o seu tratamento final.
Saúdos, Departamento de Comunicación