- En período estival concéntrase a produción do 30% dos residuos de envases de vidro dun só uso de todo o ano, pero o 27% dos españois deixa de reciclar este material
- Entre os principais motivos atópase o descoñecemento da localización dos contedores polo traslado a outros puntos do país, menos espazo nos aloxamentos de destino e unha relaxación xeral dos hábitos e rutinas
- Para responder a esta situación, Ecovidrio presentou a súa campaña nacional “No cerramos por vacaciones”, coa que pretende mobilizar á cidadanía
Cerceda, 3 de agosto de 2026.- Conforme ao estudo Usos e actitudes dos españois ante a reciclaxe de Ecovidrio, 1 de cada 4 españois recoñece que deixa de reciclar envases de vidro durante as vacacións de verán.
O estudo alerta sobre unha relaxación dos hábitos de reciclaxe precisamente nun dos períodos, o verán, no que se concentra o 30% dos residuos de envases de vidro dun só uso xerados anualmente, impulsado polo incremento do turismo, o maior consumo fóra do fogar e a intensa actividade do sector hostaleiro en gran parte do territorio nacional.
Entre as principais causas deste cambio de comportamento destacan as barreiras loxísticas. Un 38% dos que deixan de reciclar durante as vacacións asegura que descoñece a localización dos contedores, mentres que un 13% apunta á falta de espazo nos aloxamentos de destino e un 12% afirma hospedarse en lugares onde a xestión dos residuos depende de terceiros, como hoteis ou apartamentos turísticos.
A estes factores súmanse outros motivos asociados á relaxación xeral de hábitos e rutinas durante o verán. De feito, un 9% dos enquisados recoñece que abandona este hábito simplemente por preguiza.
O estudo tamén pon de manifesto que o comportamento dos cidadáns durante as vacacións non é homoxéneo e que existen diferenzas significativas en función da idade, o lugar de residencia e o grao de compromiso previo coa reciclaxe.
Por grupos de idade, os maiores de 64 anos son os que mellor manteñen os seus hábitos de reciclaxe durante o verán: un 53,9% asegura seguir separando sempre os envases de vidro, mesmo cando está de vacacións, mentres que son os mozos de entre 18 e 34 anos os que tenden a reciclar de forma máis esporádica ou, directamente, a abandonar esta práctica durante os períodos vacacionais.
Para responder a esta situación, Ecovidrio presentou a súa campaña nacional “No cerramos por vacaciones”, con presenza en múltiples canles e soportes para impactar tanto a residentes como a turistas.
Fonte e imaxe: Ecovidrio