
- No marco do ciclo de conferencias sobre "Empresa familiar e sostibilidade", celebrado a través do Campus Remoto de Uvigo, representantes do ámbito académico e empresarial expuxeron como enfrontan as empresas familiares galegas a aposta pola economía circular a través da redución do consumo de materias primas e a xeración de lixo.
- O encontro contou coas intervencións de Elena Rivo, codirectora da Cátedra Empresa Familiar; Margarita Hermo, directora da Asociación Galega de Empresa Familiar; e Miguel Rodríguez, profesor titular de Economía Aplicada da Uvigo que participou na elaboración da Estratexia Galega de Economía Circular da Xunta de Galicia.
- Firmas galegas de ampla tradición familiar, como é o caso de Cuevas Marrón Glace e Agroamb Prodalt, foron invitadas para que aportasen a súa experiencia na materia.
Cerceda, a 10 de novembro de 2020.- En días pasados celebrouse, a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, un ciclo de conferencias sobre "Empresa familiar e sostibilidade", organizado pola Cátedra de Empresa Familiar desta Universidade, en colaboración coa Asociación Galega de Empresa Familiar.
Representantes do ámbito académico e empresarial expuxeron como enfrontan as empresas familiares galegas a aposta pola economía circular a través da redución do consumo de materias primas e a xeración de residuos. Así mesmo, firmas galegas de ampla tradición familiar, como é o caso de Cuevas Marrón Glace e Agroamb Prodalt, foron invitadas a este encontro para que aportasen a súa experiencia.
INTERVENCIÓNS
Elena Rivo, codirectora da Cátedra Empresa Familiar xunto a Santiago Lago, destacou que esta iniciativa tiña por obxecto mostrar exemplos de economía circular, sinalando ao respecto que “se ben pode parecer que, cando se fala de economía circular, referímonos a algo moi sofisticado, o certo é que poden facelo todas as empresas”.
Pola súa banda, Margarita Hermo, directora da Asociación Galega de Empresa Familiar, sinalou que o “Pacto Verde Europeo, que pretende converter Europa no primeiro continente climáticamente neutro para 2050”, é un proxecto “moi ambicioso”, pero mostrou a súa confianza en que “as empresas familiares galegas colleremos a luva, traballaremos dunha forma axuntada para poñer en marcha ese sistema de aproveitamento e posta en valor de todos os nosos recursos”.
O profesor titular de Economía Aplicada da Uvigo, Miguel Rodríguez, que participou na elaboración da Estratexia Galega de Economía Circular da Xunta, sinalou que “A economía circular é unha tendencia, unha prioridade en Europa a medio e longo prazo, vinculada a obxectivos ambientais, pero tamén a obxectivos económicos e de emprego e, polo tanto, as empresas deben apostar por ela, dentro das súas capacidades”, ao que engadiu que “Non fan falta grandes desenvolvementos tecnolóxicos para facer economía circular”.
Igualmente, explicou como “cuanto maior é a nosa renda per cápita, maior é a nosa capacidade para consumir bens e servizos e ese consumo necesariamente ten un impacto ambiental”. Fronte a este impacto apuntou que “as tres receitas básicas” son reducir o consumo a aquilo que é necesario; recircular ao máximo eses recursos con actividades de reciclaxe e reutilización e, cando non sexa posible xa a recirculación, devolver os recursos á natureza nun estado que permita a súa absorción sen xerar contaminación.
Fonte: DUVI (Diario da Universidade de Vigo)
Imaxe: Pixabay