- Cunha chiscadela ao Xacobeo 2027, a cinta condensa os obxectivos da Sociedade para os próximos anos, entre os que cobra especial protagonismo a súa firme aposta pola dixitalización, a innovación e a descarbonización dos procesos para avanzar cara a unha xestión máis circular e sostible dos residuos
- Tamén alude á xestión de novas fraccións, como é o téxtil, destacando a posta en marcha, no propio Complexo Medioambiental de Cerceda, da que será a primeira planta de clasificación de residuos téxtiles de España
Cerceda, 6 de xullo de 2026.- No marco do seu compromiso coa transparencia e a mellora continua, e baixo o lema “En Sogama seguimos facendo camiño”, esta empresa pública lanza un novo vídeo institucional, con 1 minuto e medio de duración, e unha chiscadela ao Xacobeo 2027, no que condensa os seus obxectivos para os próximos anos, entre os que cobra especial protagonismo a súa firme aposta pola dixitalización, a innovación e a descarbonización dos procesos para avanzar cara a unha xestión máis circular e sostible dos residuos.
O dato eríxese así nunha prioridade ao contemplar a rastrexabilidade do residuo desde que entra nas súas instalacións ata que sae das mesmas convertido en recurso, poñéndoo ao dispor dos 304 concellos aos que dá servizo (máis de 2,3 millóns de habitantes) a través do denominado “Portal do cliente”, ao que poden acceder en calquera momento e desde calquera lugar, obtendo a información do seu interese en tempo real.
A cinta tamén alude á xestión de novas fraccións de residuos, como é o téxtil, destacando a posta en marcha, no propio Complexo Medioambiental de Cerceda, da que será a primeira planta de clasificación de residuos téxtiles de España, na que se separarán as pezas por tipoloxías e cores para propiciar a súa transformación en fibra téxtil reciclada, supoñendo un gran apoio no cumprimento dos obxectivos europeos de reciclaxe. Así mesmo, esta instalación terá un claro compoñente social ao priorizar o acceso ao emprego por parte de persoas en situación de vulnerabilidade.
A educación ambiental continuará a ter un peso significativo no traballo desempeñado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, xa que a sostibilidade só se entende desde a concienciación e a participación activa da cidadanía no coidado da contorna e a súa contribución ao desenvolvemento sostible.
“O noso camiño continúa. Máis dixital, máis eficiente, máis innovador”.
Ligazón vídeo en galego: https://www.youtube.com/watch?v=uG5818dmbEE
Saúdos, Departamento de Comunicación