- A alta calidade do programa, permitiu abordar a transición enerxética desde diferentes ámbitos e poñer en común as capacidades de empresas, profesionais, administracións e centros de coñecemento para avanzar cara a un sistema enerxético máis electrificado, competitivo e baseado en recursos renovables
- A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, participou no bloque dedicado á sostibilidade, onde explicou os pormenores do Plan de Transformación Dixital instaurado por esta empresa pública e que marcará un antes e un despois na súa xestión, gañando en eficiencia, transparencia e capacidade de diálogo
- Ao seu xuízo, xa non serve unicamente con tratar os residuos, senón que debe traballarse en favor dunha xestión que achegue valor a través da análise do dato, imprescindible para a toma de decisións
Cerceda, 6 de outubro de 2026.- O Congreso Energy Days 2026, organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), reuniu en Santiago de Compostela (do 30 de setembro ao 2 de outubro), concretamente na Cidade da Cultura, a máis de 600 asistentes e a un cento de relatores co obxectivo de analizar os principais retos que enfronta o sector enerxético.
A alta calidade do programa, estruturado ao redor de Energy Industries, Energy Cities e Wind Galicia (con oito mesas de debate, tres xornadas especializadas e dous seminarios), permitiu abordar a transición enerxética desde diferentes ámbitos e poñer en común as capacidades de empresas, profesionais, administracións e centros de coñecemento para avanzar cara a un sistema enerxético máis electrificado, competitivo e baseado en recursos renovables.
O éxito de aforo, a intervención de prestixiosos expertos e o elevado interese dos contidos, consolidou esta cita anual como punto de encontro do sector enerxético en Galicia, creando un espazo para compartir coñecemento, analizar proxectos e abordar conxuntamente os desafíos tecnolóxicos, industriais e regulatorios dos próximos anos.
A dixitalización no modelo Sogama: o dato como epicentro da xestión
Representantes de empresas, administracións, centros tecnolóxicos e profesionais debateron, entre outras temáticas, sobre transición enerxética, almacenamento, eficiencia, descarbonización, mobilidade eléctrica, dixitalización, cidades intelixentes, enerxía eólica e sostibilidade.
Concretamente, este último bloque contou coa participación do directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, quen explicou os pormenores do Plan de Transformación Digita instaurado por esta empresa pública e que marcará un antes e un despois na súa xestión, gañando en eficiencia, transparencia e capacidade de diálogo cos 304 concellos aos que dá servizo.
Ao seu xuízo, xa non serve unicamente con tratar os residuos, senón que debe traballarse por unha xestión que achegue valor a través da análise do dato, imprescindible na toma de decisións.
Galicia, en vantaxe
Entre as mensaxes máis salientables do encontro aludiuse á necesidade de acelerar a transición enerxética e avanzar na electrificación da economía ante a dependencia dos combustibles fósis. Neste sentido, o secretario de Cluergal, Nonito Aneiros, destacou as posibilidades que este escenario abre para Galicia, que dispón de recursos renovables, capacidades industriais e coñecemento especializado para desempeñar un papel protagonista.
Tamén se abundou no almacenamento enerxético e o reforzo das redes eléctricas, incidindo na necesidade de dispoñer de infraestruturas capaces de integrar nova xeración renovable e atender o crecemento da demanda asociado á industria e a dixitalización. A estes desafíos súmanse a garantía de subministración, a protección das infraestruturas enerxéticas críticas e a necesidade de contar con solucións que acheguen estabilidade e flexibilidade ao sistema eléctrico.
Fonte: Cluergal