- O concurso consolídase como unha cita de referencia para artistas de todo o país e incrementa a súa dotación económica, con 7.200 € en premios
- O prazo para a presentación de candidaturas estará aberto ata o 12 de xaneiro de 2026
- Poderán concurrir os artistas maiores de idade, tanto nacionais como estranxeiros, residentes en calquera punto de España
Cerceda, 25 de novembro de 2025.- European Recycling Platform (ERP) lanzou a IV edición de CirculArt, o certame nacional de artes plásticas que une arte e sostibilidade para promover a conciencia ambiental e a economía circular.
Baixo o lema “¿Como reflexionar acerca de la economía circular sin emplear palabras?”, CirculArt convida aos creadores a transformar os residuos en obras de arte capaces de inspirar un cambio na sociedade.
O prazo para a presentación das candidaturas permanecerá aberto ata o 12 de xaneiro de 2026, e poderán concorrer artistas maiores de idade, nacionais ou estranxeiros, residentes en calquera punto de España, incluída a Península, Illas Canarias, Illas Baleares, Ceuta e Melilla.
As obras poderán presentarse en disciplinas como pintura, colaxe, escultura, debuxo, gravado, cerámica ou fotografía, e deberán reflectir os principios da economía circular: o uso de materiais reciclados, a representación do impacto dos residuos ou a exploración de accións que promovan a protección do medio ambiente.
Premios
O certame repartirá este ano un total de 7.200 euros en premios, incrementando a dotación económica e sumando unha nova categoría de accésits con recoñecemento económico. Nesta cuarta edición, o primeiro premio estará dotado con 3.000 euros, o segundo con 2.000 euros e o terceiro con 1.000 euros, mentres que os dous accésits recibirán 600 euros cada un.
Os artistas interesados poderán inscribir as súas obras a través da páxina web oficial do certame www.circul-art.es e na plataforma dixital MundoArti, onde atoparán as bases completas e o formulario de participación.
Un proxecto que crece
Desde a súa creación, CirculArt consolidouse como un referente da divulgación ambiental a través da arte. Nas súas tres primeiras edicións, recoñeceu a obra de 28 artistas e repartiu 24.000 euros en premios, cun crecemento constante en participación: 225 obras na primeira edición, 324 na segunda e 414 na terceira.
En 2025, o certame agarda superar as 500 propostas artísticas procedentes de toda España.
Sobre ERP
European Recycling Platform España é unha organización sen ánimo de lucro dedicada á xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), pilas e baterías (RPA) e téxtiles. Entre os seus obxectivos inclúense tamén a sensibilización e concienciación social para a correcta xestión dos residuos e o fomento da economía circular
Fonte e imaxe: ERP