- Máis de medio cento de estudantes de 3º curso do Grao en Enxeñaría Química desprazáronse a Cerceda para coñecer o proceso industrial desta entidade pública, así como as operacións de control ambiental
Cerceda, a 10 de maio de 2024.- Máis de medio cento de estudantes de 3º curso do Grao en Enxeñaría Química da USC, visitaron recentemente o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer e comprobar os seus procesos industriais, prestando especial atención ás operacións de control ambiental.
Acompañados polo catedrático Francisco Omil Prieto, adscrito á Escola Técnica Superior de Enxeñaría, o grupo recibiu explicacións sobre a actividade da empresa nas súas distintas vertentes, o tratamento que reciben as fraccións de residuos municipais que se atopan baixo a súa competencia, así como todas aquelas cuestións máis vinculadas ao seguimento ambiental: emisións, depuración de augas etc.
Antes de iniciar o percorrido guiado, os universitarios efectuaron un itinerario virtual polas distintas plantas que conforman o complexo cercedense, podendo adentrarse en recunchos que, por cuestións de seguridade, non son accesibles nun percorrido físico a pé.
Equipados con lentes inmersivos 360º, movéronse, a través de realidade virtual, pola planta de clasificación de envases lixeiros, a onde chegan os residuos depositados nos contedores amarelos de recollida selectiva para ser segregados por tipoloxías e remitidos aos correspondentes centros recicladores. Acto seguido, desprazáronse pola planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa e a de elaboración de combustible, cuxa función é a de separar, con dispositivos de última xeración (lectores ópticos, correntes de Foucault, electroimanes, ciclóns aspiradores, etc) aqueles refugallos susceptibles de ser reciclados, acondicionando un combustible CDR coa parte non reciclable para ser valorizado enerxeticamente na planta termoeléctrica.
Como vén sendo habitual, logo da visita virtual e a pé, reservouse un tempo para coloquio, consultas, dúbidas, observacións e comentarios sobre a xestión dos residuos en xeral e o labor de Sogama en particular.
Saúdos, Departamento de Comunicación