- Tiveron a oportunidade de coñecer polo miúdo o labor da empresa e a súa contribución á protección da contorna, á loita contra o cambio climático e ó benestar da poboación
Cerceda, 16 de xaneiro de 2026.- Estudantes de ESO da cidade da Coruña, concretamente do IES Monte das Moas e do Colexio Maristas Cristo Rey, inauguraron o programa de visitas 2026 ao Complexo Medioambiental de Cerceda, interesándose polo labor desta empresa pública e a súa contribución á protección da contorna, á loita contra o cambio climático e ao benestar da poboación.
Conforme ao protocolo establecido, recibiron as oportunas explicacións a cargo dos educadores de Sogama, apoiadas por distintos recursos didácticos, que complementaron cunha viaxe virtual polas instalacións que conforman o Complexo industrial, podendo comprobar así o itinerario que seguen as dúas fraccións de residuos que se tratan nesta infraestrutura: os envases de plástico, latas e briks recollidos a través do contedor amarelo, que son separados por tipoloxías nunha planta de clasificación para remitir aos centros recicladores, e a fracción resto depositada pola cidadanía no contedor xenérico, da que a entidade, utilizando tecnoloxía 4.0, separa a parte reciclable para que sexa recuperada, acondicionando co resto un combustible CDR a partir do cal produce enerxía eléctrica que entrega á rede.
Desta forma, Sogama consegue minimizar a vertedura e dar debido cumprimento á xerarquía de xestión establecida por Europa, que dá comezo coa prevención e a redución da produción de residuos, continúa coa reutilización e a reciclaxe, e prosigue coa recuperación enerxética, relegando o uso do vertedoiro a último lugar polas súas negativas consecuencias para o medio ambiente e a saúde.
Xogos e coloquio
Logo do percorrido virtual, os mozos tiveron ocasión de gozar dun espazo lúdico, con xogos tradicionais e máquinas arcade, co que, ademais de divertirse, poideron consolidar coñecementos.
A xornada pechouse cun coloquio aberto para preguntas, comentarios e observacións que contou cunha gran participación.
Saúdos, Departamento de Comunicación