- Son conscientes de que o comportamento cidadán é decisivo para acadar unha maior ou menor taxa de reciclaxe
Cerceda, 19 de novembro de 2025.- Un grupo de estudantes de 4º de ESO do IES Pedra da Aguia, pertencente ao concello coruñés de Camariñas, realizaron unha visita ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para comprobar de primeira man a operativa das súas instalacións, pero tamén para mellorar os seus coñecementos e bagaxe no ámbito da recollida selectiva, conscientes de que o comportamento cidadán é decisivo na maior ou menor achega á reciclaxe.
Coas explicacións proporcionadas por educadores especializados e o percorrido virtual polas distintas instalacións que conforman a infraestrutura cercedense, adentráronsen o itinerario que segue o residuo para ser recuperado, ben materialmente, para o seu posterior envío aos centros recicladores, ou ben enerxeticamente, xa que, coa parte non reciclable, Sogama elabora un combustible que valoriza nunha planta termoeléctrica para producir enerxía eléctrica renovable.
Desta forma, a Sociedade, non só converte o refugallo non reciclable nun recurso de alto valor, senón que evita o seu depósito en vertedoiro, a peor das alternativas debido ao seu elevado potencial contaminante, tanto para o solo como para o aire que respiramos, e, por suposto, para a saúde humana.
A visita complementouse con xogos e un coloquio no que os escolares tiveron a oportunidade de trasladar os seus comentarios, observacións e dúbidas. Entre outras, a cantidade de residuos que Sogama recibe diariamente e o contedor de destino para distintos materiais, entre eles, o filme e o papel manchado.
Saúdos, Departamento de Comunicación