
-
Viaxaron á sede desta empresa pública para coñecer o seu labor e proxectos
Cerceda, a 20 de maio de 2024.- Un total de 40 escolares de 1º e 2º de ESO do IES Chano Piñeiro de Forcarei (Pontevedra), viaxaron recentemente á localidade coruñesa de Cerceda para coñecer o Complexo Medioambiental de Sogama, onde reciben tratamento os residuos municipais producidos na meirande parte de Galicia, concretamente en 295 concellos, que aglutinan a unha poboación superior a 2,2 millóns de habitantes.
Os mozos de Forcarei, tras recibir unha charla formativa e informativa a cargo de educadores da compañía pública, tiveron a oportunidade de gozar e aprender cunha visita virtual polas distintas instalacións, equipándose para isto con lentes inmersivos 360º.
Comezaron o itinerario movéndose pola planta de clasificación de envases, onde chegan os materiais recollidos a través do contedor amarelo para ser separados mecanicamente por tipoloxías e remitidos aos correspondentes centros recicladores. Proseguiron pola planta de recuperación dos materiais contidos na bolsa negra, onde se seleccionan aqueles residuos susceptibles de ser reciclados, procedendo ao seu envío á industria transformadora, e pola de elaboración de combustible, na que, a partir da fracción non reciclable, acondiciónase un combustible CDR que alimenta as caldeiras da Planta Termoeléctrica para producir enerxía eléctrica.
Antes de concluír a visita, os escolares participaron en distintos xogos orientados a reforzar os coñecementos adquiridos, así coma nun coloquio no que tiveron a oportunidade de trasladar as súas dúbidas e observacións.
Saúdos, Departamento de Comunicación