- A actividade tiña por obxecto a toma de conciencia sobre a problemática que representa a elevada xeración de lixo e a importancia que, neste sentido, ten o consumo responsable, a reutilización e a recollida selectiva dos residuos para garantir o seu posterior reciclado
- Unha visita virtual permitiulles acceder a todos os recunchos das instalacións desta empresa pública e ver o tratamento que dispensa aos refugallos, clasificando os materiais reciclables para remitilos á industria transformadora e convertendo en enerxía eléctrica os non reciclables
Cerceda, 20 de outubro de 2026.- Medio cento de escolares de 5º de Primaria do CEIP Frei Luis de Granada, pertencente ao municipio de Sarria (Lugo), acompañados polos seus profesores, visitaron recentemente o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer in situ o tratamento que reciben os residuos producidos cada día nos seus fogares, na escola e no tempo de lecer.
O obxectivo da actividade era que os pequenos tomasen conciencia da problemática que representa a elevada xeración de refugallos, a importancia que, neste sentido, ten o consumo responsable, así como a reutilización dos produtos para alongar a súa vida útil e a necesaria recollida selectiva dos mesmos, unha vez convertidos en residuos, a fin de garantir o seu posterior reciclado.
Percorrido virtual 360º
A través dunha visita virtual para a que foron equipados con lentes inmersivas 360º, o grupo puido descubrir o itinerario que seguen os residuos para recuperalos e poñelos en valor.
No caso do contedor amarelo, os envases son separados por materiais, prensados e embalados para enviar á industria recicladora. En relación aos refugallos recollidos a través do contedor xenérico, Sogama tamén lograr clasificar, con tecnoloxías de última xeración, os potencialmente reciclables, acondicionando coa parte non reciclable un combustible CDR que valoriza enerxeticamente para producir enerxía eléctrica, nun 50% de carácter renovable.
Desta forma, a entidade consegue converter en electricidade, e con todas as garantías medioambientais, un residuo que, de non seguir este camiño, acabaría desperdiciado nun vertedoiro, a peor opción debido á súa elevada carga contaminante e negativo impacto para o medio ambiente e a saúde pública.
De residuos a recursos
Sobre o proceso, o grupo realizou distintas preguntas, interesándose especialmente polo sistema de clasificación automática de residuos en planta e posibles utilidades dos materiais unha vez son convertidos en novos produtos, que poden ser similares ou distintos aos orixinais, proceso que contribúe ao aforro de enerxía e materias primas virxes.
Coa axuda de educadores especializados, os cales explicaron polo miúdo a actividade de Sogama, apoiados por vídeos e presentacións, os escolares tiveron a oportunidade de poñer a proba o apreso a través de diferentes xogos, destacando as máquinas Arcade, onde competiron en coñecementos, habilidades motoras e reflexos.
Os monitores da compañía insistiron en que os máis novos constitúen unha das mellores canles para divulgar as boas prácticas ambientais, animando aos escolares sarriáns a que exerzan na súa contorna social de verdadeiros embaixadores da reciclaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación