- Pertencían ao IES Ricardo Mella e visitaron o Complexo Medioambiental da entidade en Cerceda para coñecer a súa actividade industrial, pero tamén para recompilar información sobre a súa estrutura interna, organización e tarefas profesionais do seu equipo humano
- Aproveitaron a xornada para realizar consultas sobre o contedor de destino de residuos concretos, conscientes da importancia que ten unha boa selección en orixe dos mesmos para garantir o seu posterior reciclado
Cerceda, 5 de decembro de 2025.- Alumnos/as dun Ciclo Superior de Administración e Finanzas, así como de Asistencia á Dirección, que cursan os seus estudos no IES Ricardo Mella de Vigo, viaxaron a Cerceda para coñecer o labor de Sogama nas súas diferentes facetas, interesándose tamén pola súa estrutura interna, organización e tarefas profesionais do seu equipo humano.
No transcurso da súa visita ao Complexo industrial da entidade, interesáronse por coñecer os custos que Sogama debe asumir pola xestión dos residuos procedentes da meirande parte de Galicia, as tecnoloxías utilízadas nas instalacións para dar debido cumprimento aos protocolos ambientais, especialmente en canto a emisións e inmisións, e a enerxía eléctrica producida a partir dos refugallos non reciclables.
Así mesmo, tamén aproveitaron a xornada para trasladar preguntas sobre o contedor de destino para determinados residuos a fin de mellorar a súa achega á reciclaxe, conscientes de que a correcta separación dos materiais en orixe resulta esencial para garantir o seu posterior reciclado, que se traduce en beneficios para o medio ambiente e a economía a través do aforro de enerxía e materias primas virxes, supoñendo maiores ingresos para as arcas locales.
Logo das explicacións dispensadas polo persoal técnico e a través dunha visita virtual 360º, puideron ver, desde distintas perspectivas, o interior das plantas que conforman o Complexo, onde o residuo recibe tratamento para propiciar o seu posterior envío á industria transformadora, no caso da parte reciclable, ou ben a súa conversión en electricidade, no caso da non reciclable, evitando desta forma que acabe enterrado en vertedoiro.
Dado que todos eles eran maiores de 18 anos, tiveron a oportunidade de realizar, de forma complementaria, un percorrido guiado a pé por toda a infraestrutura, onde puideron comprobar a inxente cantidade de residuos que trata Sogama cada día e que procede dos 295 concellos aos que da servizo (máis de 2,2 millóns de habitantes).
Saúdos, Departamento de Comunicación