- Un novo informe, publicado pola OMM e o Observatorio Europeo Copernicus, sinala que o continente bateu en 2025 as súas marcas de ondas de calor mariña e de superficie queimada por incendios
- Estas condicións climáticas tiveron importantes repercusións na auga, océanos e biodiversidade
- Entre as boas noticias, saliéntase que as enerxías renovables representaron, por terceiro ano consecutivo, unha cota superior á dos combustibles fósis na xeración de electricidade
Cerceda, 13 de maio de 2026.- Se hai un continente que debe loitar contra o cambio climático máis rápido que outros, ese é Europa. Incendios, secas, ondas de calor intensas, etc, están a transformar o territorio europeo, que se quenta dúas veces máis rápido que a media mundial. Así o puxo de relevo un novo informe, publicado pola Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) e o Observatorio Europeo Copernicus, no que se sinala que, entre os episodios máis salientables do pasado ano, atópase unha onda de calor excepcional de tres semanas en Fennoscandia, xusto debaixo do círculo polar ártico. Nesta parte do norte, composta por Finlandia, Suecia e Noruega, as temperaturas alcanzaron case os 35 °C en xullo, segundo medicións realizadas en Noruega.
Gran parte de Europa tamén experimentou máis días con, alomenos, unha "forte" tensión térmica que a media. O sur e o leste de España, por exemplo, rexistraron ata 50 días máis do normal con temperaturas "sentidas" superiores a 32 °C. Consecuencia destas ondas de calor é o retroceso da neve, tendo sufrido os glaciares unha perda neta de masa en 2025.
Paralelamente, Europa no seu conxunto contabilizou menos días de frío intenso e as condicións térmicas mínimas mantivéronse por riba do normal durante a maior parte do ano.
En marzo de 2025, a superficie nevada en Europa foi inferior á media en aproximadamente 1,32 millóns de quilómetros cadrados (31%), o que equivale á superficie combinada de Francia, Italia, Alemaña, Suíza e Austria. Trátase da terceira estensión de neve máis baixa desde que comezaron os rexistros en 1983.
Estas condicións climáticas tamén tiveron repercusións na auga, sendo o pasado ano un dos tres máis secos en termos de humidade do solo desde 1992. Igualmente, o 86% das rexións oceánicas experimentaron alomenos un día de episodio de calor "forte", véndose tamén afectadas as praderías submarinas do Mediterráneo, que actúan como barreiras mariñas naturais e son sensibles ás altas temperaturas. Pola súa banda, os incendios, alimentados polas secas e as temperaturas abrasadoras, queimaron máis dun millón de hectáreas, unha superficie superior á de Chipre.
Entre as boas noticias destácase que as enerxías renovables representaron, por terceiro ano consecutivo, unha cota superior á dos combustibles fósis na xeración de electricidade, cun 46,4% da produción.
Fonte: ONU