- Técnicos da Sociedade foron os encargados de explicar e guiar os encontros celebrados durante dous días (30 de outubro e hoxe, 6 de novembro)
- O obxectivo destas xornadas foi promover un espazo de encontro común a través do cal estreitar lazos, facer partícipes ás familias da actividade da compañía, facilitar a comprensión dos seus procesos e tamén dimensionar o papel que o Complexo Cercedense desempeña no conxunto de Galicia ao tratar os residuos producidos por 304 concellos
- A contribución de Sogama ao emprego verde foi outro dos aspectos abordados. Non en van, aproximadamente o 15% da poboación de Cerceda traballa nesta compañía
Cerceda, 6 de novembro de 2026.- Familiares do persoal adscrito á Planta de Clasificación de Envases de Sogama, onde se separan por tipoloxías os materiais recollidos a través do contedor amarelo para o seu posterior envío aos centros recicladores, quixeron coñecer in situ a actividade desta empresa pública, mesmo máis aló da súa dimensión industrial.
Para isto, a contratista desta instalación, a firma Prezero, en colaboración coa Sociedade Galega do Medio Ambiente, en calidade de compañía matriz, organizaron senllas xornadas (celebradas o pasado 30 de outubro e hoxe, 6 de novembro) a través das cales se explicou o itinerario que seguen os residuos desde que entran nas instalacións ata que saen das mesmas en forma de recursos, ben en materiais que serán convertidos en novos produtos e reincorporados ao circuíto comercial, ou ben en enerxía eléctrica, no caso dos non reciclables.
Técnicos de Sogama foron os encargados de explicar e guiar os encontros destes dous días, nos que se reservou un espazo para a visita virtual, un dos momentos máis agardados polos grupos, permitíndolles adentrarse en todos os recunchos do Complexo, mesmo naqueles de imposible acceso nun percorrido a pé debido ás restricións por motivos de seguridade.
Espazo de encontro e diálogo
Con estas xornadas, tanto Prezero como Sogama, pretenden promover un espazo de encontro común a través do cal estreitar lazos, facer partícipes ás familias da actividade da compañía, facilitar a comprensión dos seus procesos e tamén dimensionar o papel que o Complexo cercedense desempeña no conxunto de Galicia, xa que recibe e trata os residuos urbanos producidos por un total de 304 concellos (máis de 2,3 millóns de habitantes).
Logo das explicacións, reforzadas con distintos xogos e dinámicas de grupo, levouse a cabo un coloquio para que os participantes puidesen consultar as súas dúbidas, trasladar as súas observacións e comentarios, e tamén as súas impresións en relación a unha infraestrutura industrial coa que, dun xeito ou outro, conviven e coa que manteñen un vínculo, sen esquecer a contribución da entidade ao emprego verde, toda vez que xera 1.000 postos, entre directos e indirectos. Non en van, aproximadamente o 15% da poboación de Cerceda traballa en Sogama.
A xuízo do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, “Estes encontros son o resultado do afán de transparencia que sempre nos caracterizou e constitúen unha oportunidade para que as familias coñezan de primeira man a realidade desta Sociedade pública e, por suposto, para que Sogama poida achegarse a elas, fomentando o diálogo, así como o intercambio de experiencias e impresións; un exercicio que, sen dúbida, nos beneficia a todos”.
Saúdos, Departamento de Comunicación