
-
Posiciónase así como o primeiro e único SCRAP en conseguilo
-
Segundo Nacións Unidas, a xeración de refugallos electrónicos no mundo aumenta cinco veces máis rápido que a súa reciclaxe
Cerceda, a 13 de maio de 2024.- Durante o pasado ano 2023, a Fundación ECOLEC xestionou un total de 111.864 toneladas de RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), superando así, durante sete exercicios consecutivos, as 100.000 toneladas anuais e posicionándose como o primeiro e único SCRAP (Sistema Colectivo de Responsabilidade Ampliada do Produtor) en conseguilo.
A recollida por habitante foi de 8,10 quilos, unha cifra que o director xeral da Fundación, Luis Moreno, pon en valor, xa que, segundo indicou, “este resultado é grazas á solidariedade de todos e á concienciación que existe cara á saúde do noso planeta; un esforzo pola reciclaxe que debe continuar para loitar contra un cambio climático que non se detén”.
Por estas razóns, incidiu no “necesario que é seguir estando á beira da cidadanía, achegando o noso grao de area co impulso de campañas e iniciativas enfocadas na reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos”.
A produción de RAEE crece 5 veces máis rápido que a súa reciclaxe
Segundo Nacións Unidas, a xeración de refugallos electrónicos no mundo aumenta cinco veces máis rápido que a súa reciclaxe e, de acordo co informe The Global E-Waste Mionitor 2024, en 2022 bateuse un récord de 62 millóns de toneladas de RAEE, cantidade coa que se encherían 1,55 millóns de camións de 40 toneladas cada un.
Dado que a produción destes refugallos crece cada ano 2,6 millóns de toneladas, prevese que en 2030 chegue ata os 82 millóns.
É por isto que a reciclaxe de RAEE resulta esencial. “Por exemplo, un frigorífico mal reciclado emite á atmosfera gases de efecto invernadoiro equivalentes ás emisións dun coche en 15.000 quilómetros”, indicou Luis Moreno, quen tamén fixo especial fincapé en que “as consecuencias de non reciclar correctamente os nosos aparellos electrónicos cando deixan de funcionar agrávanse naqueles puntos do Planeta onde a extracción de materias primas para fabricar estes produtos produce graves impactos sociais”.
Fonte e imaxe: Fundación ECOLEC
Saúdos, Departamento de Comunicación